SERVICIOS SOCIAIS

O Concello de Santiago participa nas actividades para celebrar o día mundial da Esclerose Múltiple

28/05/2014 O alcalde Ángel Currás e a concelleira María Castelao participaron na Praza do Obradoiro nas diversas actividades que a Asociación de Esclerose Múltiple de Collado Villalba organizaou esta mañá con motivo do día mundial da enfermidade cun 'flashmob' e unha peregrinación a Santiago de Compostela.

Con motivo da celebración do día mundial da Esclerose Múltiple, unha enfermidade que afecta a cada vez máis persoas e que, a pesar diso, "é moi pouco recoñecida" pola sociedade, segundo sinala a entidade organizadora, a Asociación de Esclerose Múltiple de Collado Villalba organizou para esta data varias actividades sen ánimo de lucro na localidade de Santiago de Compostela.

As actividades comezaron o martes cunha serie de conferencias e tivo o seu punto forte este mércores, cunha ruta que percorreu os catro últimos quilómetros do Camiño de Santiago, dende a Praza da Concordia ata o Obradoiro.

O acto finalizou esta mañá cun 'flashmob' realizado por alumnos do Instituto Rosalía de Castro e os propios participantes da marcha na mesma Praza do Obradoiro.

Con todas estas accións, a Asociación pretende crear un punto de encontro entre afectados e a sociedade xeral, onde "se faga visible" a Esclerose Múltiple "dende o punto de vista da accesibilidade e dar a coñecer a todo o mundo a presenza desta enfermidade e a necesidade de que se continúe invertendo na eliminación das barreiras arquitectónicas" e en investigación, para que esta patoloxía encontre un tratamento eficaz para todos os afectados.

Compartir: