FESTAS

As Festas da Ascensión comezan este mércores co concerto de Andrés Calamaro

27/05/2014 Compostela prepárase xa para o comezo das Festas da Ascensión, que este ano se celebran do 28 de maio ao 1 de xuño. Na primeira xornada, este mércores, destaca o concerto de Andrés Calamaro na praza da Quintana e engádese ao programa unha festa infantil no Campus Vida.

As Festas arrincarán coa tirada de bombas ás 12:00 horas e a continuación, a tradicional comparsa dos cabezudos animará as rúas do Casco Histórico. Xa pola tarde, o programa inclúe unha nova actividade: a festa infantil que organiza Gas Natural de 18.00 h a 20.00 horas no Campus Vida.

Esta actividade pretende dun xeito lúdico ensinarlles aos pequenos o percorrido que fai o gas desde que se estrae do subsolo ata que chega aos fogares. Os nenos gozarán aprendendo pero tamén divertíndose cos inchables e os xogos que se instalarán no campus.

O prato forte da xornada é o concerto do músico arxentino Andrés Calamaro, que comezará ás 22:00 horas na praza da Quintana. Los Árboles serán os teloneiros, que subirán ás 21.00 horas ao escenario, media hora despois da apertura de portas.

A noite musical completarase na Alameda coa actuación da Orquestra Compostela a partir das 23:00 horas. E durante toda a xornada, atraccións na Alameda.

Compartir: