XUVENTUDE

Concursos, exhibicións e obradoiros no "Compostela Skate III"

27/05/2014 As Concellerías de Xuventude e Educación adican dúas xornadas á cultura urbana con diversas actividades como obradoiros de graffiti, skate, beatbox e break onde participarán algúns dos mellores artistas galegos. As concelleiras Rebeca Domínguez e María Castelao presentaron o programa de estas xornadas que se celebrarán o venres 30 e sábado 31, dentro das Festas da Ascensión.

A Concellería de Servizos Sociais en colaboración con Vella Escola, teñen programado para o día 30 de maio na Praza do Toural unha serie de actividades de cultura urbana dirixido a menores e xuventude, enmarcado no ámbito de ocio e tempo libre.

A paritr das 17:30 horas comezará a xornada cun obradoiro de Graffiti que busca achegar á comunidade o mundo da arte urbana a través da técnica do esprai, atendendo á reivindicación de novos espazos creativos e a intervención plástica do entorno.

A continuación terá lugar un obradoiro de Turntablism, unha técnica utilizada polos DJs de hip-hop, para crear un efecto parecido ao de raiar o disco (scratch) e que, ben utilizado, axuda a construír ritmos e frases melódicas. Posteriormente dará comezo un obradoiro de Beatbox, que consiste na habilidade de crear música, sexan ritmos ou melodías, efectos ou letras de forma simultánea principalmente coa boca. Para rematar, a xornada prolongaranse ata ás 22,00 cunha exhibición de Turntablism e actuacións de DJs.

A Concellería de Xuventude apoia as novas tendencias na arte e na cultura, por iso o sábado 31 de maio a partir das 11 da mañá no pavillón do CEIP Apóstolo Santiago, terá lugar unha xornada adicada a cultura urbana con diferentes actividades coma skate, beatbox, dj...

Realizarase un graffiti onde participarán algúns dos mellores artistas galegos, como Talos, Nómada, M312N, MO3L. Ademais terá lugar o campionato de brakedance,"Breakin The Beat", na modalidade 2vs2, que contará con xuíces de renome a nivel nacional e participantes de diferentes puntos da xeografía galega e do resto de España.

A idea destas actividades é facilitar a súa práctica e difusión no marco das múltiples iniciativas deportivas, culturais ou de ocio e tempo libre que se ofertan no Concello. Estas concellerías están a apostar pola cultura urbana como forma de ocupación de ocio e tempo libre saudable.

Compartir: