EDUCACIÓN

O Auditorio de Galicia acolle este domingo o certame de Danza Intercentros 2014

23/05/2014 O Departamento de Educación, ao igual que está a organizar dende hai 19 anos o Certame de Teatro Intercentros, quere impulsar e apoiar o traballo que se está a realizar no eido da danza nas idades máis temperás (de 3 a 18 anos), cun Certame que terá lugar na sala Brage do Auditorio de Galicia o 25 de maio de 2014, ás 19:00 horas.

O Certame de Danza Intercentros 2014 "Compostela en Danza", quere seguir impulsando e apoiando o traballo que se está a realizar en moitos centros de ensino da cidade. Logo de nove edicións son moitos os alumnos e alumnas dos centros de ensino de infantil, primaria e secundaria que participan nesta actividade de promoción da danza.

Serán 18 as actuacións de danza clásica e moderna que os alumnos dos centros C.E.I.P. Pío XII, C.E.I.P. López Ferreiro, C.E.I.P. Fontiñas, C. Divino Maestro, I.E.S. Xelmírez I e I.E.S. Rosalía de Castro interpreten no Auditorio de Galicia.

A danza é un factor de desenvolvemento global (cognitivo, afectivo, social e motriz) e de autorrealización persoal. Desde un punto de vista pedagóxico é un elemento favorecedor de todo tipo de aprendizaxes dado que proporciona ao alumno unha gran variedade de experiencias e estímulos, así como un conxunto de vivencias útiles e necesarias para o seu axeitado desenvolvemento.

E para os alumnos de Educación Infantil, Primaria e Secundaria a danza pode ser un recurso moi importante para a formación do alumnado, debido a que se axusta ás suxestións metodolóxicas da etapa: organizar as aprendizaxes de xeito globalizado, procurando que sexan significativas, activas e axustadas ó xeito de aprender e ás posibilidades de cada un deles. O alumnado, mediante a danza, pode aprender a controlar o seu corpo, explorar o mundo que os rodea, resolver os seus problemas emocionais, ser seres sociais e ocupar un lugar na comunidade.

Por isto con este certame o que se busca é achegar a danza á cidadanía, desenvolver a autonomía e iniciativa persoal, a competencia cultural e artística, a promoción da sensibilidade musical e ao mesmo tempo fomentar o traballo en equipo aprendo a valorar o traballo dos outros e fomentando o respecto, o compañeirismo e a tolerancia.

Documentos relacionados



Compartir: