SERVIZOS SOCIAIS

Área Central acolle o vindeiro venres 23 o II mercadiño solidario Trócame-Roque

21/05/2014 Diferentes entidades sociais que traballan en Fontiñas presentaron en rolda de prensa a segunda edición do mercadiño solidario Trócame-Roque, no que colabora a Área de Servizos Sociais do Concello de Santiago dirixida pola concelleira María Castelao.

O vindeiro 23 de maio de 2014, de 16,30 a 19,30 horas, nas instalacións de Area Central, celebrarase o II Mercadiño solidario "Trócame-Roque". O proxecto enmárcase dentro do traballo comunitario que se está levando a cabo no barrio das Fontiñas e no que participan as seguintes entidades: Asemblea de Cooperación pola Paz, Fundación Secretariado Gitano, Centro de día Arela, Programa de atención a familias Abeiro, Cruz Vermella, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes, IES Antonio Fraguas e a Concellería da Area de Servizos Sociais (coa UTS Fontiñas, Programa municipal socioeducativo e UMAD).

O fin da organización deste mercadiño é sufragar un proxecto solidario ubicado no propio barrio de Fontiñas. Aínda que o se recaude sexa algo simbólico, as entidades participantes queren destinar o importe a colaborar na financiación do gasto dalgunha necesidade socioeducativa detectada na zona.

Arredor do mercado celebraranse outras actividades de animación, para fomentar a participación e reforzar os espazos de convivencia, transmitindo os valores de solidariedade e de igualdade. "Dende o ocio, compártese o tempo, favorécese a convivencia", indicaron. As actividades programadas para ese día son as seguintes:

• Actividade inaugural, ás 16:30 horas: actuación musical do coro de alumnas e alumnos do IES Antonio Fraguas, dirixido polo profesor D. Carlos Encisa.
• Desenvolvemento de diversos obradoiros, en simultáneo co desenvolvemento do propio mercadiño; horario: 17 a 19 horas. Os obradoiros previstos son:
1. Cruz Vermella:
Xogos de grupo dinamizados por voluntariado.
Obradoiros de manualidades, realizados cun enfoque interxeracional.
Obradoiro de maquillaxe.
2.Actividades de fomento da igualdade implementadas dende o Centro de Información á Muller do Concello de Santiago de Compostela: Elaboración de móviles e variñas máxicas, cun enfoque intercultural.
3.Asemblea de Cooperación pola Paz:
Photocall para que os mozos e as mozas se fotografen xunto a mensaxes que promovan a
integración.
Estudo ficticio de televisión no que alumnas e alumnos do obradoiro audiovisual do proxecto
"Barrios Abertos" farán as prácticas de gravación sobre a vida asociativa do barrio.
4.Dentro do Programa de Prevención da UMAD:
Exhibición de Breakdance, ás 17,30 horas.
Obradoiro de Breakdance; preténdese poñer a disposición da xuventude un espazo no que
poidan manifestar as súas habilidades e contribuír ao fomento destas actividades; horario: de
18 a 19 horas.
• Acto de clausura, ás 19,30 horas, con actuación de flamenco (baile, cante e guitarra) a cargo de Isaías Salazar, Miguel Flores e Iria Peña.

É a segunda ocasión na que se celebra este proxecto, que ten un fin solidario pero taménsocioeducativo, xa que se pretende educar aos nenos e nenas na corresponsabilidade e na solidariedade; e social, fomentando sempre a convivencia no contorno comunitario, cunha dobre vertente, os enfoques interxeneracional e intercultural.

Despois da elevada participación das veciñas e veciños no ano pasado (e que se pode ver nos documentos que se recollenna web www.compostelaintegra.org), a Área de Servizos Sociais segue defendendo e impulsando un dos seus fins principais: o fomento da participación activa da cidadanía mediante estratexias socioeducativas que impulsen a solidariedade e a cooperación social organizada, que neste caso, se materializa a través das xuntanzas de coordinación entre entidades do barrio.

Compartir: