ALCALDÍA

O alcalde recibiu en Raxoi o Nobel de Medicina Harald zur Hausen

20/05/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, recibiu en Raxoi ao Premio Nobel de Medicina 2008, Harald zur Hausen, que está en Santiago participando nunha nova edición do Programa ConCiencia.

O Nobel de Medicina en 2008, o alemán Harald zur Hausen, visita estes días Compostela para participar no Programa ConCiencia, organizado pola USC e o Consorcio de Santiago. Sumouse á longa lista de científicos que, no marco desta iniciativa de divulgación, teñen deixado a súa sinatura no Libro de Honra da cidade nos últimos anos.

O profesor Hausen pronunciará este mércores 21, ás 15:30 horas, unha charla aos estudantes de bacherelato do Colexio Peleteiro baixo o título Hoy, clase con el Nobel Harald zur Hausen. Un encontro que servirá para que os alumnos coñezan máis sobre o traballo do nobel alemán e sobre toda unha vida dedicada á investigación.

Harald zur Hausen
O profesor Harald Zur Hausen (Gelsenkirchen-Buer, 11 de marzo de 1936) recibiu o Premio Nobel de Medicina en 2008 despois de publicar a hipótese de que o virus do papiloma humano xogaba un papel importante na causa do cancro de colo de útero, feito que o levou a desenvolver unha vacuna contra dito virus en 2006.

Compartir: