CULTURA

A Banda Municipal de Música estrea unha obra inédita de Pascual Veiga no Concerto do Día das Letras Galegas

16/05/2014 O programa, dirixido por Juan Miguel Romero LLopis, será íntegro de música galega e contará coa colaboración do gaiteiro José Manuel López, ‘Josele’.

Con motivo do día das Letras Galegas, que este ano está dedicado ao poeta Xosé María Díaz Castro, a Banda Municipal de Música de Santiago ofrece un concerto especial cun programa íntegro de música galega e no que estrearán unha obra inédita de Pascual Veiga. O concerto será mañá día 17 de maio de balde, na Rúa do Vilar dirixido por Juan Miguel Romero Llopis e contará coa colaboración do gaiteiro José Manuel López, ‘Josele’.

A obra inédita de Pascual Veiga que se estreará neste concerto é ‘Os Ártabros-Escena Orfeónica’ e atópase dentro da programación do proxecto de recuperación musical ‘Descubrindo as nosas músicas’ que os musicólogos e irmáns Beatriz e Alberto Cancela Montes están levando a cabo, neste caso coa colaboración da Banda Municipal. Ademais desta obra, no programa haberá pezas de J.L. Represas, A. Besteiro, C. Rodríguez e G. Freire,

Pascual Veiga (Mondoñedo, 1842 - Madrid, 1906) Pascual Veiga Iglesias é un dos músicos máis representativos da Galicia do século XIX. Pasou á historia por ser o alma mater das notas do Himno Gallego que acompañan os ilustres versos de Eduardo Pondal, ou da famosa Alborada, que pronto pasou de ser Galega para ser máis coñecida entre os seus coetáneos como a Alborada de Veiga; constituíndo ámbalas dúas os símbolos acústicos máis solemnes e transcendentais que este músico puido escribir dedicadas e inspiradas na súa Terra. Precisamente esta última será cualificada como "el himno, gigante y extraño, que anuncia en la noche del alma una aurora" (El Liberal, 19-IX- 1912) "… y que las clases populares del Noroeste lo reconocen así, y se emocionan hondamente con el recuerdo de la que llama Chané y confirma Curros Enríquez nuestra Marsellesa" (idem). Aínda que cinguirse a estas dúas obras a traxectoria de Veiga sería exigua empresa: director, promotor, músico e compositor dunha prolífica obra, son outros ámbitos nos que destacou considerablemente o mindoniense.

Os Ártabros
A obra constitúe un cántico de homenaxe aos antepasados celtas que se instalan en terras coruñesas, ao igual que fará o seu compositor aló polo ano 1864. Desgraciadamente non se conserva a partitura orixinal, pero o arranxo para banda militar instrumentada por Francisco G. Oliva, Director da Banda de Infantería de Marina en 1889, permítenos recuperar a obra do mindoniense.

Os Ártabros foi a obra de obrigada interpretación no certame musical de 1890 organizado polo orfeón coruñés de A Coruña en 1890 con motivo da celebración do centenario de María Pita, que fixa, nas súas bases, a súa interpretación obrigatoria. Precisamente deste mesmo certame, é do que sairá o mencionado Himno Galego… aínda que ese é outro tema que merecería outro espazo. Ambas obras estiveron ligadas ao longo da vida de Veiga e despois de morrer tamén: o 20 de decembro de 1907 na homenaxe realizada ao músico mindoniense celebrada en La Habana, ademais da estrea do Himno tamén se interpretou Os Ártabros entre outras das súas obras máis relevantes.

Compartir: