DEPORTES

O 24 de maio arranca no Campus Sur a terceira edición do CorreSan

16/05/2014 O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presentou esta mañá unha nova edición do CorreSan. Unha iniciativa pioneira en Santiago de Compostela dende o ano 2012 que ano tras ano atrae a un elevado número de participantes xerando unha gran expectación na cidade e na comarca.

Este programa de probas de carreiras organizadas pola Federación Galega de Atletismo e patrocinadas polo Concello de Santiago de Compostela a través do seu departamento de deportes, entra dentro da labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida dos nosos cidadáns.

A terceira edición do circuíto de carreiras CorreSAN constará de 5 probas que se disputarán nos meses de maio, xuño, xullo, setembro e outubro de 2014 e da San Silvestre do 31 de decembro.

A primeira delas será o 24 de maio coa "CorreSan Campus Sur", para o 21 de xuño "CorreSan Ruta da Prata-Angrois", o 12 de xullo "CorreSan Nocturna Cidade Vella", o 14 de setembro "CorreSan Granxa do Xesto-Cronoescalada ao Pedroso" e o 11 de outubro "CorreSan Cidades da Cultura"

Nas probas terán cabida atletas de case todas as idades con distancias adaptadas a cada categoría. En cada proba haberá un percorrido para escolares das categorías benxamín e alevín, un percorrido para infantil e cadete e outro para adultos a partir da categoría xuvenil. As probas comezarán de xeito habitual polas de escolares e rematarán coa disputa da proba de adultos. Os horarios das carreiras serán comunicados na semana anterior á disputa das mesmas.

Todas as probas estarán baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo e empregarán o sistema de chip-dorsal que deberá conservarse durante o transcurso do circuito para os atletas que se inscriban nas 5 probas na modalidade de circuito.

A inscrición para participar neste "III Circuíto de carreiras saudables CorreSAN estará aberta dende o mércores 7 de maio ata o mércores 21 de maio. Poderase realizar no Departamento de Deportes do Centro Comercial Compostela (El Corte Inglés-Hipercor), no Multiúsos Fontes do Sar e no Complexo Deportivo de Santa Isabel. Tamén se pode facer a través das páxinas web:
www.carreirasgalegas.com, www.fgatletismo.es/santiago e www.atletismogalego.org.

Compartir: