ÁREA DE DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello sacará a licitación o mantemento e conservación de máis de 100 edificios públicos municipais

16/05/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou en rolda de prensa esta medida, que ten por obxectivo aforrar custes e tempo ao Concello no mantemento e arranxo das instalación municipais. O tipo de licitación é de 630.800,03 euros.

O fin perseguido é o de manter os edificios e instalación e o seus espazos libres anexos en perfecto estado de conservación e funcionamento, cumprindo todas as exixencias legais establecidas para os mesmos. Igualmente perséguese asegurar a súa vida útil e a dos seus elementos construtivos, así como un adecuado aspecto. O nivel de prestación dos servizos a desenvolver deberá ser tal que o estado actual dos edificios e instalacións se beneficie coas naturais melloras que o coidado permanente producen. As tarefas previstas para o contrato deberán realizarse asegurando o funcionamento continuo dos edificios e instalacións, minimizando os posibles tempos de parada como consecuencia de avarías e das súas reparacións.

O tipo de licitación do contrato é de 630.800 euros, formado polas achegas de distintas concellerías e departamentos. A concelleira María Pardo salientou a colaboración de todos eles á hora de elaborar este prego. A cantidade divídise da seguinte forma:
1.-Departamento de Educación
100.000,00 € (2014) 300.000,00 € (2015) 400.000,00 € (total)
2.-Servizos xerais municipais
40.000,00 € 60.000,00 € 100.000,00 €
3.-Participación Cidadá
3.1.-Casa das Asociacións
2.000,00 € 2.000,01 € 4.000,01 €
3.2.-Centros e locais socioculturais
2.000,00 € 10.000,01 € 12.000,01 €
4.-Instalación deportivas municipais
12.000,00 € 18.000,00 € 30.000,00 €
5.-Urbanismo
5.1.-Edificio Rúa do Medio 65 (EMUVISSA)
2.000,00 € 2.000,01 € 4.000,01 €
5.2.-Vivendas e locais
300,00 € 3.000,00 € 3.300,00 €
6.-Benestar Social
6.1.-UMAD
27.500,00 € 50.000,00 € 77.500,00 €
Total
185.800,00 € 445.000,03 € 630.800,03 €

Na actualidade, o mantemento de edificios está causando moitos problemas por diversas razóns. En primeiro lugar, a imposibilidad de contratar persoal para a brigada de vías e obras polas limitacións na contratación de persoal impostas pola normativa estatal. As xubilacións e baixas mermaron notablemente este servizo, que xa non pode facer fronte aos máis de 100 edificios cuxa conservación e mantemento corresponden ao Concello. En segundo lugar, a necesidade de acudir a contrataciones puntuais para calquera arranxo, por puntual e de escasa entidade de que se trate.

Finalmente, as condicións meteorolóxicas: o inverno especialmente duro e severo que sufrimos, con precipitacións que marcaron máximos desde que se teñen estatísticas, xerou múltiples problemas de humidades, filtracións, e deterioro en xeral en todos os edificios.

As vantaxes deste novo servizo son varias, indicou a concelleira. Operativas, é dicir, resposta inmediata. Cando este contrato estea en funcionamento, poderase requirir directamente á adxudicataria, valorándose o tempo de resposta como criterio de adxudicación. Tamén económicas: a licitación conxunta nun contrato aberto permitirá, grazas á concurrencia de empresas, unha importante baixa económica. Fente a iso, na actualidade, os contratos menores pola súa natureza non xeran esta concurrencia e as baixas nas ofertas son máis pequenas. É convinte recordar que estamos ante un contrato harmonizado, o que significa que ten publicidade no diario oficial da Unión Europea, polo que poderán concorrer empresas de toda a Europa comunitaria.

Tamén ten vantaxes administrativas: na actualidade hai que tramitar un expediente de contratación por cada actuación. Iso sobrecarga aos funcionarios con tarefas burocráticas e ralentiza o tempo de resposta. María Pardo salientou que espera que o contrato estea adxudicado en agosto ou setembro, e a partir de aí, o mantemento de máis de 100 edificios públicos estará resolto.

O contrato terá unha duración dun ano prorrogable por outro máis.

Compartir: