NORMAILIZACÓN LINGÜÍSTICA

Ábrese a votación do premio do público no concurso de vídeo-creación para centros de ensino

16/05/2014 A partir de hoxe e ata as 12 da noite do 31 de maio contabilizaranse os apoios que reciba cada un dos vídeos participantes neste concurso que convoca a Concellería de Normalización Lingüística.

O xurado, que conta con especialistas en audiovisual, lingua e ensino, logo de examinar que cumpren os requisitos formais esixidos polas bases, determinou a permanencia en concurso de 14 traballos presentados por dez centros de ensino de todas as categorías previstas -infantil, primaria, secundaria obrigatoria e secundaria postobrigatgoria- para abrir a seguir o procedemento de votación do premio do público.

Desde hoxe, no enderezo www.facebook.com/events/854231347924526/ calquera persoa pode acceder aos audiovisuais en concurso e darlle un "gústame" ao que lle resulte preferido. O que recade máis apoios recibirá un premio de 400 euros, que é compatible cos que outorga o propio xurado.

A publicación dos vídeos na canle do Departamento de Lingua Galega (DLG Compostela) desde o momento da súa presentación, a súa distribución a través das redes sociais, e o propio premio do público contribúen a dar maior difusión e alcance aos vídeos presentados e, en consecuencia, a amplificar a repercusión do esforzo que realizan os centros de ensino para valorar e impulsar a lingua galega.

Letras Galegas
A Concellería de Normalización Lingüística organiza mañá, Día das Letras Galegas, o concerto de música tradicional para público infantil "Palitroke", que terá lugar no Auditorio de Galicia ás 18.30 h.

Ademais, tamén se realizou un envío de libros sobre a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro a todos os centros escolares de Compostela.

Compartir: