XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba o proxecto de rehabilitación do palacete da Finca do Espiño e recupérao para uso cidadán

15/05/2014 A voceira da Xunta de Goberno local, María Pardo, deu conta dos acordos adoptados na última sesión, entre os que salienta a aprobación do proxecto de rehabilitación da Finca do Espiño, no que se investirá 1.262.100 euros procedentes da execución do aval embargado á empresa Layetana.

O proxecto contempla unha intervención que ten como obxecto a rehabilitación do Palacete do Espiño para equipamento municipal. Con isto recuperarase este edificio modernista compatibilizando a conservación das ruínas existentes con usos polivalentes dentro dos 1.070 metros cadrados totais. O orzamento deste proxecto é de 1.262.100 € IVE incluído, procedente da execución do aval que se embargou á empresa Layetana e que só podía destinarse a este fin. O obra ten un prazo de execución de 12 meses e a concelleira estima que podería estar adxudicada despois do verán.

María Pardo lembrou que non será posible levar adiante o proxecto inicial de Jean Nouvel debido ao deterioro e a que o edificio acristalado previsto non sería sostible enerxeticamente. Sobre a intervención no edificio, de 860 metros cadrados, a pretensión é recuperar o preexistente, os muros que se puideron conservar, e reconstruír os muros caídos no interior e os espazos orixinais, achegando o máis posible o aspecto do edificio ao que tiña o orixinal -deseñado por Jesús López de Rego- en 1910, pero cumplindo con todos os parámetros de eficiencia enerxética e sostibilidade.

A reurbanización do parque estará lista a finais de xuño ou principios de xullo, salvo o perímetro que rodea o palacete, que se acometerá unha vez estea rematada a obra de rehabilitación do edificio.

Obras, Casco Histórico e Medio Ambiente
Tamén esta Xunta de Goberno deu o visto bó ás fases 5 e 6 de arranxo de pavimentos, firmes e estacionamentos no Ensanche. Neste caso tócalle á rúa República Arxentina, por un importe de 163.064,32 euros, e a Santiago de Chile, cun investimento de 171.644,25 euros. Cada obra terá un prazo de execución de 7 semanas.

Así mesmo, aprobouse o expediente titulado "Deseño e subministro de mobiliario urbano para o ámbito do Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica de Santiago de Compostela (PE-1)", que contará cun orzamento de licitación de 50.999,00 euros. Como indicou a edila da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, trátase de harmonizar o mobiliario da zona vella, coa instalación de bancos, papeleiras, xardineiras, vallas, maceteiros, bolardos e outros elementos en sintonía co entorno e que estarán especificamente deseñados para a cidade. Isto non supón a substitución do mobiliario xa existente, senón que estes novos deseños serán empregados nas vindeiras obras que se leven a cabo.

No ámbito do Medio Ambiente, fixouse o prazo para a renovación da concesión de uso das hortas urbanas de Belvís, que será do 16 ao 21 de maio.

Outros asuntos
A proposta da concelleira de Benestar, a XGL aprobou diversas axudas de carácter social por concepto de manutención, vivenda, gastos excepcionais e comedor escolar por importe de 28.682,96 €.

Noutra orde de cousas, á vista da solicitude feita pola Asociación de Hostelería Compostela e a proposta da concelleira de Urbanismo, a XGL remitiu informe favorable á Xunta de Galicia para que autorice a ampliación nunha hora no horario de hostelería coincidindo coas seguintes datas de interese turístico e festivo para Santiago: festividade da Ascensión, do 28 de maio ao 1 de xuño, e festividade de San Xoán, o 23 de xuño de 2014.

Deuse luz verde así mesmo ao evento Cultura Skate 2014 dentro das actividades que desenvolve o Departamento de Xuventude e no que colaboran diversos colectivos co obxectivo de dinamizar a participación dos mozos e mozas composteláns. Esta acción realizarase no CEIP Apóstolo Santiago o sábado 31 de maio entre as 11 e as 21 horas. O orzamento desta actividade será de 4.000 €. Tamén a proposta da concelleira de Xuventude se aprobou o Programa Verán Activo 2014, actividades de lecer e tempo libre.

Compartir: