TURISMO

Os restaurantes gañadores de Tapéate Compostela promocionarán a gastronomía de Santiago en Xapón e Brasil

15/05/2014 Máis de trinta restaurantes xa están inscritos para Tapéate Compostela, que terá lugar entre o 6 e o 21 de xuño baixo o lema "O Producto do Mercado". Os cociñeiros que elaboren a Mellor Tapa do Xurado e a Mellor tapa do Público participarán nas promocións de Turismo de Santiago.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi a colaboración de Turismo de Santiago co concurso de tapas Tapeate Compostela. Os cociñeiros gañadores do Primeiro Premio do Xurado e do Premio do Público representarán á gastronomía de Santiago nas accións de promoción turística que a entidade municipal fará neste ano a Xapón e Brasil, dous mercados considerados oportunidades para o sector turístico da cidade.

Tapétae Compostela é un concurso organizado por Gastrodestinos, empresa de Santiago que estivo representada na presentación por un dos seus promotores, Xosé Manuel García. O concurso terá lugar entre o 6 e o 21 de xuño. A acción ten como finalidade a dinamización turística da capital galega e a posta en valor dos productos de tempada e de proximidade dentro dunha oferta gastronómica de calidade. O prazo de inscripción no concurso remata o próximo día vinte. Actualmente hai xa máis de trinta establecementos inscritos.

O concurso de tapas desenvolverase baixo o lema de "O producto do mercado" como un xeito de promocionar o producto propio, galego, de tempada e de calidade. Como concurso de tapas, Tapéate Compostela presenta importantes novidades tanto organizativas como de premios para os locais participantes. O prezo de cada tapa será de dous euros e as tapas terán que ser elaboradas con produtos de calidade galegos e de tempada que poidan ser adquiridos na Praza de Abastos de Santiago.

Os gañadores serán determinados por un xurado composto por profesionales da hostelería, restauración, gastronomía, docencia… Estará presidido por un profesional da gastronomía de recoñecido prestixio. A gala final celebrarase o 30 de xuño e estará aberta a todo o público da cidade. Na gala os finalistas terán que elaborar e presentar en directo a tapa ao xurado, quen seleccionará na propia gala as tres primeiras tapas do Concurso.

A primeira das tapas do Xurado recibirá como premio a oportunidade de participar na acción de promoción que Turismo de Santiago fará en xullo a Xapón. Tamén haberá un premio do público para a mellor tapa entre as votacións que o público faga nos establecementos. O gañador desta categoría participará nunha acción de promoción a Brasil. En ambas accións os gañadores farán presentacións da gastronomía da cidade.

Compartir: