COMERCIO

O pequeno comercio recibe os seus galardóns

15/05/2014 O Pazo de Raxoi acolleu a entrega de premios do programa Santiago Comercio de Cine, que agasalla e distingue ao pequeno comercio en varias categorías. O acto estivo presidido polo alcalde compostelán, Ángel Currás, e contou coa presenza da concelleira de Comercio, Reyes Leis.

Na entrega de premios, o alcalde salientou a valentía e bo facer do pequeno comercio compostelán, que está a saír adiante a pesar das dificultudes económicas. Todos os galardoados recibiron como agasallo unha estatuíña da artesá Ana Serra.

Na categoría "Comercio Veterano" fíxose co premio o supermercado El Dubrés, sen dúbida un Comercio de Cine. Fai máis de corenta anos que están na Acibechería n.8 servindo a toda persoa que entre pola porta, e sempre co agarimo e o mellor sorriso por parte dos donos, Baldomero e Mucha, e dos seus empregados. Aberto tódolos días da semana, dende moi cedo ata noite cerrada, aquí un pode tomarse un pincho de tortilla recén feita por Mariló ata mercar unha botella de viño, una leituga do país ou unha lata de atún. Os clientes son os de toda a vida, aínda que tamén se pasan polo Dubrés estudantes e peregrinos. El Dubrés é un comercio de cine xa que xunta os requisitos fundamentais: bo servizo, mellor produto e pura tradición galega.

No apartado de "Comercio innovación" foi premiado Nippon Store, en Fernando III O Santo. Dous mozos composteláns, inauguraron fai dous anos (en marzo de 2012) Nippon Store, unha tenda especializada en produtos de alimentación xaponeses e sushi. Co seu traballo e esforzo puideron sacar adiante o negocio, no que ademáis de traer unha amplia variedade de productos do país do sol nacente (máis de 300), fan talleres para ensinar a xente a facer sushi, e teñen páxina web coa que venden produtos a nivel nacional. Ofertan un trato directo e amable co cliente que é a súa prioridade. Trátase dun negocio novidoso que require dunha atención persoalizada. Comercio innovador que establece ademais un nexo de unión Compostela- Xapón.

A Balea Violeta. Criar, amar, xogar alzouse co premio na categoría "Comercio emprende". Abriu as súas portas en outubro de 2013 na rúa de San Pedro. "A Balea Violeta" nace coa fin de crear un espazo de crianza respectuosa no casco histórico da cidade de Santiago de Compostela, para atender as necesidades das familias que buscan outros modelos de crianza. Pretende ser unha tenda/espazo amable, para compartir coñecementos, saberes e faceres da nosa experiencia cotiá como nais e pais. A emprendedora, Monse, é emprendedora e nai. É licenciada en Historia e Doutorada en Socioloxía e Antropoloxía Social. Dende o incio dos seus estudos interesáronlle as relacións familiares e as diferenzas xeradas por cuestións culturais, sociais e económicas. A experiencia da maternidade permitiulle observar a carencia de espazos e lugares onde poder cubrir as necesidades que conleva este proceso fundamental para o desenvolvemento saudable das persoas.

O premio "Comercio autor" foi para Nuovo Varonni. A tenda orixinal, Varoni, nace no ano 1.990. É unha tenda dedicada exclusivamente á moda de cabaleiro.
Vintedous anos despois, no ano 2012, trala xubilación dos seus fundadores, a boutique é adquirida por Jorge Casais Sampedro, (actual dono) cliente da tenda ao igual que a súa família desde fai anos. Coa nova adquisición a boutique pasour a chamarse: Nuovo Varonni. Traballan con marcas coñecidas internacionalmente, onde a calidade e a elegancia priman por riba de todo. Boutique que desprende gusto polo bo deseño e a distinción, ubicada en Montero Ríos, 11.

Na categoría "Comercio de barrio", o primeiro premio fo para a tenda de mascotas e perruquería canina GOLFO & DAMA (Campo das Hortas 7). Golfo&Dama inaugurouse o día 17 de febreiro deste ano, apenas hai tres meses. Xurdiu como un xeito de reciclarse por parte do seu promotor, Santiago Sotelo (Yago). Durante dez anos traballou como buzo profesional. Amante dos animais, sempre estivo rodeado deles. Sendo un bo amigo dunha familia da Coruña na que tres dos irmás son perruqueiros caninos, comezou a acercarse a esta profesión. Posteriormente formouse na Universidade de Santiago de Compostela, obtendo a titulación de perruqueiro canino. Completou a súa formación en diferentes cursos de especialización e seminarios de perruquería canina. Golgo&Dama creouse coa ansia de cubrir unha demanda latente especialmente nos barrios das zonas de San Lourenzo, Galeras, Poza de Bar, Carme de Abaixo, Bar, Figueiras, Vista Alegre....Un servizo para o coidado e atención para mascotas, así como un lugar de encontro para os amantes dos animais e de sensibilización e formación sobre os coidados necesarios e as responsabilidades de tener un animal de compañía. Nos vindeiros meses, dende Golfo&Dama está prevista a creación e difusión de talleres de educación ambiental e sobre a responsabilidade e coidados das mascotas.

Por último, na categoría "Comercio agarimo", o galardoado foi La reina de Saba, unha perfumería a granel situada na Algalia de Arriba. A súa apertura foi o 3 de decembro de 2013. Os seus promotores, Alejandro e Patricia, coñecéronse traballando nunha empresa de publicidade e deseño gráfico durante 10 anos, despois de quedarse sen traballo decidiron apostar polo comercio compostelán abrindo a súa tenda nun lugar tan privilexiado como é o casco histórico. En La reina de Saba pódense atopar perfumes, xabróns, ambientadores, velas aromáticas, frascos vintage... a un prezo moi económico. O trato co público é cercano e moi agarimoso.

Estas dúas últimas categorías, que se deciden por votación popular, indican o cariño que senten os composteláns polo seu comercio de proximidade. E ano tras ano increméntase a participación: se en 2012 foron 267 os votos recibidos, en 2013 aumentaron ata os 976 e nesta edición chegaron aos 1639.

Compartir: