FESTAS

O Concello de Santiago presenta o programa da Ascensión con propostas variadas e para todos os públicos

14/05/2014 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, presentou o programa das Festas da Ascensión 2014, que se celebrarán do 28 de maio ao 1 de xuño. Calamaro, Los Suaves ou Os Resentidos son algúns dos nomes protagonistas no musical dunhas festas que inclúen propostas para todos os públicos e que apostan polos grupos da cidade.

Francisco Noya destacou a variedade e calidade do programa que quere facer partícipes a todos os composteláns da que é a festa propia de Santiago. Neste sentido, o edil destacou a implicación de diversas concellerías, que prepararon actividades especiais para estas datas. Haberá concertos, teatro, xogos populares, bailes...

As festas da Ascensión comezarán o mércores 28 de maio coas tradicionais comparsas de cabezudos polas rúas do Casco Histórico. Nesta xornada destaca o concerto de Andrés Calamara, unha das actuacións estrela desta programación que dará inicio ás festas. Será na Praza da Quintana a partir das 22:00 horas e cuxa entrada segue a venda por un prezo de 18 euros anticipada e 22 na billeteira o mesmo día do concerto.

Ademais, ás 23:00 horas na Alameda poderase gozar da actuación da Orquesta Compostela que celebra o seu 95 aniversario. Deste xeito, a concellería de Festas quere rendir homenaxe a unha das orquestas mais importantes do panorama nacional.

A xornada grande, o xoves 29, abrirase cunha nova edición do Concurso Cabalar da Ascensión, unha cita que reúne a moito público no recinto feiral de Amio. Como novidade, os catro grupos de folk de Santiago amenizarán as rúas compostelás na tarde do día grande das festas.

Xa pola noite, a Praza da Quintana acollerá o concerto de Los Suaves, unha esperada actuación con entrada de balde que permitirá recordar os mellores momento desta banda de rock.

Para a xornada do venres, destaca o programa Cultura Urbana, que levará á praza do Toural diversos obradoiros e exhibicións de graffiti, turntablism, beatbox, breakdance e popping. As 22:00 horas na Praza da Quintana Os Resentidos ofrecerán un concerto tamén con entrada libre.

A tradicional Festa dos Maiores celebrarase o sábado 31. As entradas, ao prezo de 7 euros, poranse á venda no Teatro Principal a partir do luns, de 10:00 a 13:00 horas. E para rematar a xornada, a Praza da Quintana recibirá o festival 40 Santiago Pop, organizado en colaboración coa cadea 40 Principales e que terá a Antonio Orozco como principal actuación.

Para finalizar estas festas, a xornada do domingo haberá probas deportivas como a II BTT, ComposTrail e numerosas actividades polas rúas santiaguesas como pasarrúas, que farán batucada pola zona vella. Pola tarde será o turno das corais de Compostela que actuarán en diferentes prazas xuntándose en Praterias para ofrecer un concerto especial.

Como cada ano, non faltarán as atraccións e postos da Alameda, colocados dendo o 17 de maio, día das letras galegas, ata o día 1 de xuño.

Documentos relacionados



Compartir: