ALCALDÍA

A delegación xaponesa remata a súa estadía en Compostela co percorrido dun tramo do Camiño de Santiago

14/05/2014 Os alcaldes de Tanabe e Compostela acompañados por prácticamente toda a delegación xaponesa da que forman parte una trintena de monxes budistas e sacerdotes xintoístas, realizaron hoxe un percorrido do tramo da Ruta Xacobea ao seu paso pola parroquia de Lavacolla. Con este simbólico percorrido duns 800 metros quixeron visualizar a unión entre o Camiño de Santiago e o de Kumano-Kodo, en Xapón, as dúas únicas rutas de peregrinación espiritual que están irmanadas e foron declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

O percorrido a pé por este tramo estivo encabezado polo alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago, o alcalde de Santiago, Ángel Currás, e a concelleira de Turismo, Reyes Leis, que ían seguidos por unha "procesión" de monxes budistas e sacerdotes xintoístas entonando cánticos tradicionais xaponeses co sonido da caracola.

O remate destre tramo tivo lugar no colexio público Mestre Xixirei de Lavacolla, onde os esperaban uns 70 nenos dos ciclos de infantil e 1º, 2º e 3º de primaria que realizaron o saúdo xaponés ante a comitiva.

Posteriormente a delegación trasladouse en autobús ata o Monte do Gozo onde, ante a estatua dos peregrinos e a vista das torres da Catedral realizaron un rito do chamanismo xaponés ou budismo esotérico coñecido co nome de Shugendo, de adoración ás montañas e ás cascadas e que ofreceron pola paz no mundo. Estivo representada por un total de 12 monxes do templo de Seigantoji e encabezada polo sacerdote supremo Takagi San. Este ritual é o mesmo que se fai nos distintos templos do camiño de Kumano.

Ao remate, o alcalde de Santiago tivo unhas palabras de agradecemento para toda a delegación lembrando a cultura milenaria que está detrás dos dous camiños declarados Patrimonio da Humanidade. Pola súa banda, o alcalde de Tanabe destacou a importancia do convenio firmado onte para a promoción conxunta das cidades e dos Camiños de Santiago e Tanabe.

A delegación concluíu hoxe unha estadía en Compostela na que a Catedral acolleu por primeira vez na súa historia unha actuación de monxes budistas e sacerdotes xintoístas, nun evento que amosou a apertura da cidade e da Catedral a outras culturas.

O alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago, convidou formalmente ao alcalde de Santiago, Ángel Currás, a que visite a cidade nipona para reforzar a unión entre ambas cidades. Mitsutoshi Manago fixo este convite tras a sinatura do convenio de colaboración que une a ambas cidades para a promoción conxunta do Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, que son as dúas únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Antes da sinatura do convenio, o alcalde de Tanabe tamén asinou no libro de ouro da cidade, no que tamén deixaron constancia da súa visita o sacerdote supremo do Santuario de Kumano Hongu Taisha, Letaka Kuki; a presidenta de Tanabe City Kumano Tourism Bureau, Noriko Tada; o vicegobernador da Prefectura de Wakayama, Hiroshi Shimo; e o viceembaixador de Xapón en España, Keiichiro Morishita.

A visita da delegación de Tanabe forma parte do traballo conxunto entre Santiago e a cidade nipona na promoción das súas respectivas rutas de peregrinaxe, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Ambas cidades levan anos colaborando, pero esta colaboración reforzouse no último par de anos co obxectivo de profundizar na promoción conxunta e aproveitar as novas posibilidades que ofrece a conexión de Santiago co hub de Turkish Airlines en Estambul, que mellora a conectividade entre Galicia e Xapón

Compartir: