MULLER E RELACIÓNS VECIÑAIS

Ábrese o prazo para solicitar as subvencións para o fomento de actividades a prol da igualdade e do movemento asociativo de mulleres

14/05/2014 No Boletín Oficial da Provincia da Coruña nº 89, do 13 de maio de 2014, publícanse as bases e convocatoria das subvencións da Área de Servizos Sociais do Concello de Santiago para o fomento de actividades a prol da igualdade e do movemento asociativo de mulleres para o ano 2014. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia. O prazo remata o día 2 de xuño de 2014.

O obxectivo desta convocatoria é fomentar as actividades que favorezan o desenvolvemento integral da muller, promovan a súa participación activa en todos os eidos da sociedade e fagan efectiva a igualdade entre homes e mulleres.

Deste xeito, incentivaranse actividades de sensibilización sobre a igualdade de oportunidades, de corresponsabilidade nos fogares, de formación no eido rural, de promoción da saúde e do benestar xeral, de actividades físicas para unha mellor calidade de vida, de fomento da participación en actividades de lecer ou de promoción do acceso ás novas tecnoloxías.

As entidades beneficiarias desta subvención son as asociacións de mulleres, secretarías da muller dos sindicatos e vogalías da muller das asociacións de veciños do Concello de Santiago que cumpran os seguintes requisitos:
1. Estar inscritas no rexistro municipal de asociacións e, no caso de estalo, ter actualizados todos os seus datos, polo que calquera cambio xurdido dende a súa inscrición ou última actualización, deberá comunicarse por escrito ao Departamento de Muller e Igualdade xunto á solicitude.
2. Carecer de fins de lucro.
3. Desenvolver principalmente as súas actividades no Concello de Santiago de Compostela.
4. Estar ao corrente nas súas obrigas tributarias co Concello, Axencia Tributaria e Comunidade autónoma e coa Seguridade Social.
5. Non estar incluídas nalgún dos supostos de prohibición ou incompatibilidade previstos no artigo 13 da Lei 38/2003,do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A concellería de Relacións Veciñais tamén difunde entre as asociacións veciñais do Concello de Santiago de Compostela a información relativa ás bases e convocatoria destas subvencións. En anos anteriores tres entidades veciñais xa foron beneficiarias da mesma.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.
O prazo remata o día 2 de xuño de 2014.

Documentos relacionados



Compartir: