TURISMO

O alcalde de Tanabe convida ao alcalde de Santiago a visitar a cidade nipona para reforzar a unión entre ambas urbes

13/05/2014 Os alcaldes renovaron o convenio de colaboración para a promoción conxunta das cidades e dos Camiños de Santiago e Tanabe. Ademais, a Catedral acolleu por primeira vez na súa historia unha actuación de monxes budistas e sacerdotes xintoístas, nun evento que amosou a apertura da cidade e da Catedral a outras culturas.

O alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago, convidou formalmente ao alcalde de Santiago, Ángel Currás, a que visite a cidade nipona para reforzar a unión entre ambas cidades. Mitsutoshi Manago fixo este convite tras a sinatura do convenio de colaboración que une a ambas cidades para a promoción conxunta do Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, que son as dúas únicas rutas de peregrinación declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

Antes da sinatura do convenio, o alcalde de Tanabe tamén asinou no libro de ouro da cidade, no que tamén deixaron constancia da súa visita o sacerdote supremo do Santuario de Kumano Hongu Taisha, Letaka Kuki; a presidenta de Tanabe City Kumano Tourism Bureau, Noriko Tada; o vicegobernador da Prefectura de Wakayama, Hiroshi Shimo; e o viceembaixador de Xapón en España, Keiichiro Morishita.

No contexto desta viaxe, a Catedral de Santiago acolleu pola mañá unha actuación de monxes budistas e sacerdotes xintoístas, procedentes da Prefectura de Wakayama. Foi a primeira vez na histora da Catedral que se escoitaron no seu interior cánticos tradicionais xaponeses, nun evento que representou a apertura do Camiño de Santiago á diversidade de culturas.

Mañá pola mañá, a delegación de Tanabe, acompañados do alcalde de Santiago, terá a oportunidade de facer un tramo do Camiño de Santiago ata o Monte do Gozo. De feito, farán un percorrido similar ao que fixeron o príncipe herdeiro ao trono, Naruhito, e o primeiro ministro nipón, Shinzo Abe, nas súas recentes visitas a Santiago, que foron unha gran promoción para a cidade no mercado nipón.

A visita da delegación de Tanabe forma parte do traballo conxunto entre Santiago e a cidade nipona na promoción das súas respectivas rutas de peregrinaxe, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Ambas cidades levan anos colaborando, pero esta colaboración reforzouse no último par de anos co obxectivo de profundizar na promoción conxunta e aproveitar as novas posibilidades que ofrece a conexión de Santiago co hub de Turkish Airlines en Estambul, que mellora a conectividade entre Galicia e Xapón.

Compartir: