CULTURA

A Alameda vólvese máxica da man dos monicreques

03/08/2006 "Galiza Máxica" é o título do espectáculo que Os Monicreques de Kukas ofrece en Compostela os días os días 7, 8, 9, 16, 17, 21, 22 e 23 do mes de agosto no Paseo Central da Alameda, ás 22:45 horas. A Concellaría de Cultura presenta esta obra, na que os personaxes son encarnados por marionetas mixtas de fíos, gatiños e variñas de creación propia e de gran formato.

Marcelino de Santiago (Kukas), autor e director do espectáculo, e Isabel Rey, outra das responsables da obra e co-fundadora da compañía, presentaron a representación xunto ao concelleiro de Cultura, Néstor Rego, quen destacou a "coidada montaxe" e garantiu "momentos moi agradables" para os nenos e maiores que se acheguen ata a Alameda. En caso de chuvia, a obre representaríase no Teatro Principal.

O espectáculo teatral "Galiza Máxica" basease nunha obra escrita e dirixida por Marcelino de Santiago que amosa unha visión fantástica da cultura popular galega. Para iso adopta como protagonistas a personaxes míticos e de varias lendas tradicionais, como o Aquelarre do Areal de cangas, o Demo enganado, o Nuboeiro e o labrego, a Fada da fonte e o pescador, a Coca de Redondela e a Cova do rei Cintoulo.

A obra estrutúrase dramaticamente en escenas que se van sucedendo e nas que un peregrino que chega a Galicia topa cun trasno rebuligueiro e cunha meiga rosmona que o van introducindo noutra Galicia, a dos encantamentos e néboa, das meigas e trasnos, dos demos e serpes, das fadas e mitos ancestrais.

A historia e a mitoloxía de Galicia está chea de mitos e crenzas referidas á auga e ós bosques, polo que dous son os elementos fundamentais que os simbolizan e en torno aos que se define o espazo escénico da obra. Dun lado da escena está a fonte de augas cristalinas, morada de fadas e, no outro, o tronco dunha árbore no que habita o trasgo e, xunto a eles unha serie de elementos sinxelos que crean diferentes ambientes nos que se desenvolven as historias.

Na posta en escena de "Galiza Máxica" os personaxes reais e fantásticos son encarnados por máis de trinta marionetas de grande formato e técnica mixta de creación propia de máis de 1,50 metros de alto e xigantes de ata tres metros cos manipuladores discretamente á vista do espectador.

Compartir: