BENESTAR SOCIAL

O Multiúsos do Sar acolle este venres o Día Internacional da Familia, unha xornada de lecer e aprendizaxe

12/05/2014 A Concellería de Familia e Benestar Social, dirixida pola concelleira María Castelao, organiza este venres no Multiúsos do Sar unha nova edición do Día Internacional da Familia. Unha xornada na que os máis pequenos poderán gozar cos xogos, inchables e a presenza dun contacontos e do Mago Xacobe.

Dende as 17:30 ás 21:00 horas celebraranse diversas actividades para nenos e nenas que terán inchables á súa disposición durante a xornada. E entre as 19:00 e as 20:00 horas, un contacontos baixo o título "De Tintín Marín", a cargo de Soledad Felloza.

Ademais, a partir das 20:00 horas e ata ás 21:00 todos aqueles que se acheguen ata o Multiúsos poderán gozar da actuación "Ilusións Máxicas" que correrá a cargo do Mago Xacobe, onde os espectadores poderán participar no desenvolvemento das súas actuacións.

Segundo indicou a concelleira responsable, María Castelao, os eixos principais desta xornada son o recoñecemento á institución da familia e a concienciación dos cativos na igualdade de xénero e na corresponsabilidade nas tarefas do fogar.

Éxito da campaña de recollida de cueiros
A concelleira quixo recordar que esta nova edición da recollida de cueiros, que comezou o pasado xoves día 8 de maio no partido entre o Río Natura Monbus e o Cajasol, está funcionando a gran rendemento.

A recollida de cueiros continuará durante varios días na Concellaría de Benestar Social, na Casa das Asociacións de Benestar Social e na Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes, así como no Multiúsos e en Santa Isabel.

Compartir: