EDUCACIÓN

Os rapaces de secundaria do IES Arcebispo Xelmírez fanse co primeiro premio do Certame de Teatro Intercentros

12/05/2014 A obra "Fóra de xogo", do grupo Vai no dentista integrado por alumnos/as dos IES Arcebispo Xelmírez I foi a gañadora do XIX Certame de Teatro Intercentros de Compostela e comarca. Os rapaces representarán a obra no Teatro Principal hoxe ás 20.00 horas e ao remate a concelleira de Educación, María Castelao, fará entrega dos diplomas aos centros participantes e os agasallos aos premiados.

O Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela organiza en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela o XIX Certame de Teatro Intercentros, unha proposta de dinamización da actividade teatral nos centros de ensino que fai que o teatro deixe de percibirse como un fenómeno illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais, para pasar a incorporarse ao contorno sociocultural do estudante.

O certame deu comezo o 24 de abril e durante unha semana os diferentes grupo de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Arcebispo Xelmírez I, Rosalía de Castro e na Facultade de Educación. O propio alumnado asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, asi como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

As obras premiadas representaranse no Teatro Principal nas seguintes datas:

- Luns, 12 de maio (obra gañadora de secundaria), ás 20 horas.
Representación da obra "Fóra de xogo", do grupo Vai no dentista integrado por alumnos/as dos IES Arcebispo Xelmírez I.

- Luns, 26 de maio (obra gañadora de primaria), ás 20 horas.
Representación da obra "H", do grupo de teatro do Colexio San Jorge.

Ao remate da representación, a concelleira de Educación fará entrega dos diplomas aos centros participantes e os agasallos aos premiados.

Compartir: