TURISMO

Santiago recibe a visita dunha ampla delegación de Tanabe

10/05/2014 O alcalde da cidade nipona, Mitsutoshi Manago, encabeza un grupo no que se inclúen monxes budistas e sacerdotes xintoístas da Prefectura de Wakayama que farán unha actuación na Catedral. Santiago e Tanabe renovarán o seu convenio de colaboración para a promoción conxunta das cidades e dos Camiños de Santiago e Tanabe.

Santiago recibirá entre o luns e o mércores unha visita dunha ampla delegación procedente de Tanabe, encabezada polo seu Alcalde, Mitsutoshi Manago. A delegación está composta por funcionarios do Concello de Tanabe e técnicos da súa entidade de promoción turística, pero inclúe tamén un grupo de monxes budistas e sacerdotes xintoístas, e un grupo de cidadáns de Tanabe que acompañan á comitiva oficial para coñecer Santiago e o Camiño.

A visita da delegación de Tanabe forma parte do traballo conxunto entre Santiago e a cidade nipona na promoción das súas respectivas rutas de peregrinaxe, o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo, ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Ambas cidades levan anos colaborando, pero esta colaboración reforzouse no último par de anos co obxectivo de profundizar na promoción conxunta e aproveitar as novas posibilidades que ofrece a conexión de Santiago co hub de Turkish Airlines en Estambul, que mellora a conectividade entre Galicia e Xapón.

O luns, a delegación de Tanabe terá a oportunidade de visitar a Catedral de Santiago e asistir a cerimonia do Botafumeiro. Deste xeito poderán coñecer previamente o edificio onde o martes terá lugar unha das actividades máis impactantes da Semana de Xapón en Santiago: a actuación dos monxes budistas e os sacerdotes xintoístas na Catedral, un evento que representará a fusión de culturas e a unión entre Santiago e Tanabe e o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo. Esta actuación será de 10.30 a 11.30, con entrada libre e gratuita.

Tras a actuación dos monxes budistas, a delegación desplazarase ao Pazo de Raxoi, onde o Alcalde de Santiago, Ángel Currás, e o Alcalde de Tanabe, asinarán un novo convenio de colaboración entre ambas cidades. O convenio recoñece que: "O Camiño de Santiago e o Camino de Kumano aos Grandes Santuarios son os dous únicos paisaxes culturales de peregrinaxe designados pola UNESCO como Patrimonio da Humanidade. Ambas rutas souberon conservar as tradicións e cultura dos seus respectivos lugares sagrados, cheos dun inmenso legado histórico, a través dos tempos". Por iso establece o obxectivo compartido de promocionar conxuntamente ambos destinos de peregrinación.

O mércores, a delegación de Tanabe, acompañados do Alcalde de Santiago, terá a oportunidade de facer un tramo do Camiño de Santiago ata o Monte do Gozo. De feito, farán un percorrido similar ao que fixeron o príncipe herdeiro ao trono, Naruhito, e o primeiro ministro nipón, Shinzo Abe, nas súas recentes visitas a Santiago, que foron unha gran promoción para a cidade no mercado nipón.

Compartir: