CULTURA

O humor absurdo de Faemino e Cansado chega ao Festiclown

03/08/2006 A xornada do venres 4 no Festiclown ten como prato forte a actuación no Principal, a partir das 22:00 horas de Faemino e Cansado. "Son dos" é o título do seu espectáculo, no que de novo recorren ao seu absurdo e inclasificable humor para reflexionar sobre a vida.

As dificultades de vivir con ansiedade, a transgresión dos límites ou a ambivalencia radical son algúns dos temas que lles serven de escusa para lograr a gargallada do público. E sempre dende un punto de vista intelixente e case surrealista.

Carlos Faemino e Javier Cansado son uns clásicos do humor español. Teñen un bo grupo de fieis dende os seus inicios e cada ano gañan novos adeptos. Admiradores de Monty Python, Les Luthiers ou Pepe Rubianes, a súa carreira comezou en Madrid con espectáculos de rúa. Hoxe enchen teatros e son recordadas as súas aparicións televisivas.

Péchase o Certame Intergaláctico

Trala actuación do dúo cómico, tomará o testemuño no Principal, ás 23:30 horas, a compañía La Banda. Para pechar o Certame Intergaláctico Interior, presentan o espectáculo "Máximo Riesgo", a historia de dous pallasos que atopan o amor baixo a carpa do circo.

La Banda é unha formación nacida en 2002 coa necesidade de conseguir sorrisos de nenos/as, mozos/as e adultos de todo o mundo. Os seus integrantes preparáronse impartido cursos e actuado en Nicaragua, Venezuela, Francia, Italia e España, levando a cabo unha investigación artístico-pedagóxica que se centra na figura do clown.

Tamén se pecha o Certame Intergaláctico Exterior con dúas actuacións. A primeira delas correspóndelle a Antolio, coa representación "Circuns-tancias callejeras" ás 19:00 horas no Toural. Trátase dunha serie de números de malabarismos, equilibrismos e humorismos, mesturando técnicas tradicionais con extravagantes e excéntricas postas en escena.

A traxectoria artística de Antolio, un pioneiro dos espectáculos de rúa e do circo moderno levouno a colaborar en diferentes proxectos sociais que teñen ao circo como ferramenta de traballo. Dende os seus comezos en 1992 percorreu diversos escenarios e países e colaborou con compañías de circo e teatro cómico.

Ás 20:30 horas, sobre o mesmo escenario da Praza do Toural, estarán Los Estrambótikos, co espectáculo "Kataplum". Este dúo franco-arxentino presenta un evento multidisciplinar que combina circo, teatro e música.

"Kataplum" está formado por dúas personaxes sen igual, cun estilo caracterizado polo swing do seu humor e o teatro xestual. Coas súas aparicións a escena dende un retablo, este dúo combina o absurdo e a complicidade co público, creando un ritmo cheo de gargalladas constantes.

Clases abertas e presentacións ao público

Á marxe destas actuacións, continúan nas rúas o Maraclown e o Declowntrol. Tamén proseguen os diversos cursos en marcha. Nesta xornada, haberá clases abertas dalgúns destes cursos, coma os de Jesús Jara, Leo Bassi ou Pablo Trasno.

A xornada péchase xa de madrugada co Clown-off, no Dado Dada, a partir das unha. Alí compañías, actores e actrices presentarán os espectáculos que estean preparando ou teñan pouco rodados e precisen dunha presentación con público. É un marco incomparable de relación entre o público e as compañías, no que se combinan a experimentación coa profesionalidade.

Compartir: