TURISMO

Catro días de "sushi á galega"

08/05/2014 18 restaurantes de Santiago ofrecen entre o oito e o once de maio propostas únicas que fusionan a gastronomía xaponesa e a galega. Santiago celebra a súa Semana de Xapón con gastronomía, obradoiros, exposicións e concertos para achegar a cultura nipona á cidade

"Sopa de misho con polbo e wakame", "Korokke de chicharróns" ou "Maki de Xurelo". Estas son algunhas das propostas que se poderán degustar no programa gastronómico da Semana de Xapón en Santiago, no que participan 18 restaurantes da cidade que ofrecerán as súas creacións únicas entre hoxe xoves e o próximo domingo. Os prezos fixos destas propostas serán de 2,5 e 5 euros.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, presentou no Pazo de Raxoi o programa gastronómico da Semana de Xapón en Santiago, que ten por obxectivo amosar as posibilidades que ofrece a fusión da gastronomía galega e a xaponesa, que diferentes restaurantes da cidade xa contemplan habitualmente na súa carta. A concelleira lembrou que precisamente a gastronomía galega, coa súa ampla variedade de peixes e mariscos frescos, é un dos principais atractivos de Santiago para os turistas xaponeses.

Os restaurantes participantes no programa gastronómico son: A Casa da Viña, A Charca, Abastos 2.0, Acio, Bodeguilla de Santa Marta, Café de Altamira, Calderón, Casa Marcelo, Castelao, El Pasaje, Garum Bistró, La Casa de la Marquesa, Los Caracoles, O Celme do Caracol, O Ferro, Pedro Roca, Resas, Santiago Kyoto. Reyes Leis agradeceu a colaboración de todos os restaurantes participantes e tamén o traballo da Asociación Hostelería Compostela e do Colectivo SCQ na organización do evento.

O programa gastronómico tamén inclúe unha xornada de degustación, que terá lugar o sábado dez de maio xunto á nova Aula Gastronómica do Mercado de Abastos. Nesta xornada participarán varios dos restaurantes adheridos á Semana de Xapón en Santiago que, entre as 11.00 e as 13.30 horas, ofrecerán as súas propostas tamén a prezos fixos de 2,5 e 5 euros. O obxectivo desta acción é achegar a gastronomía de fusión galego xaponesa ao Mercado de Abastos, que é unha referencia na cidade para os turistas en xeral e para os turistas xaponeses en particular.

A Semana de Xapón en Santiago, que comeza có programa gastronómico e prolongarase ata o trece de maio, incluirá un amplo abano de actividades. O obxectivo de Turismo de Santiago, organizador do evento, é que os composteláns e o sector turístico da cidade podan coñecer mellor a cultura xaponesa para así poder ser unha cidade aínda máis atractiva para o mercado nipón. Tamén servirá para promocionar directamente a cidade en Xapón, xa que acudirá unha ampla delegación de representantes da cidade de Tanabe e da rexión de Wakayama.

A Semana de Xapón está tendo unha boa repercusión na cidade. Os obradoiros que se celebrarán sobre diversas artes da cultura xaponesa xa case esgotaron as súas prazas. Pero ademais de obradoiros, a Semana de Xapón inclúe concertos, exhibicións, unha actuación de monxes budistas e sacerdotes xintoístas da prefectura de Wakayama na Catedral de Santiago e unha conferencia sobre a "Filosofía e Espiritualidade do pobo xaponés". O programa completo de actividades pode consultarse na web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com.

A Semana de Xapón en Santiago, organizada por Turismo de Santiago, conta coa colaboración da cidade de Tanabe e da rexión de Wakayama, a Casa Galicia Xapón, a Asociación para o fomento do Aikido, o Mercado de Abastos, a Universidade de Santiago, o Arcebispado de Santiago e a Catedral de Santiago.

Compartir: