COMERCIO

Estrea Estilo!completa o seu programa de actividades gratuitas para este domingo

08/05/2014 Caxade e When Nalda become punk actuarán no Pazo de San Lourenzo dentro da iniciativa de dinamización comercial que organiza o Concello de Santiago de Compostela para presentar as novas coleccións dos comercios da cidade.

A Concellaría de Comercio de Santiago de Compostela está a programar un amplo abano de actividades complementarias para a xornada de dinamización comercial do vindeiro domingo 11 de maio. Durante a acción presentaranse as coleccións primavera-verán dos comercios participantes en Estrea Estilo! no salóns, claustro, e xardíns do Pazo de San Lourenzo, que por un día abrirá gratuitamente as súas portas para que os visitantes poidan coñecer, probar e comprar as novidades de tempada.

A actividade desenvolverase en horario de 11h a 21h e a ela concurrirán trinta e oito comercios pertencentes a diferentes barrios de Santiago: A Balea Violeta,A Reixa Tenda, A tetería de Rose Bakery, Allegra, Améndoa, Celme, Como pez en el agua, Core Surfing, Dándara, El taller de Fer, El Vestidor de Alicia, Equisol, Fillos da Malte, Floristería Embora, Freesite, Kiedis, La Reina de Saba, LIOLIO, Locapormí, Lunares en Mayo, Maná Malú, Mokasu, Mundaka World, Na Lúa,Núa Moda, Óptica M&S, Óptica Pontecastro, Óptica Tábora, Patucos&Co, Pecados de Compostela, Queroté, Severino, Simplemente Luna, The Perfect Shoe, Trigonella ,VIDE-VIDE! e Zapatos MICMIC.

Durante a xornada Estrea Estilo!, ideada como unha gran festa do comercio compostelán, actuará a banda de folk, indie-pop Caxade ás 13h, o grupo de indie-pop When Nalda become punk ás 17:30, e a formación de synthpop Belöp ás 20h.

Ademais unha DJ amenizará musicalmente a actividade nos xardíns do Pazo, nos que se realizarán degustacións gastronómicas e sorteos de agasallos patrocinados polos comercios participantes. Os máis cativos poderán gozar dun inchable, así como do servizo de gardería-ludoteca no exterior do edificio, e as visitantes que realicen compras durante o día terán acceso a unha sesión de beleza exprés de balde na mesma localización.

O paseo ata o Pazo, situado a dez minutos a pé da Praza Roxa e da Praza do Obradoiro, poderá realizarse tamén no "tren lanzadeira" gratuito de Estrea Estilo!, que sairá ás e cuarto e ás menos cuarto da Praza de Galicia (12.15, 12.45, 13.15, 13.45, 14:15, 14:45, 17.15, 17.45, 18.15, 18.45, 19.15, 19.45, 20.15). O regreso dende o Pazo terá lugar ás e media (12.30, 13.30 e 14:30, 17.30, 18.30, 19.30 e 20.30) finalizando cada traxecto na Praza de Galicia.

Compartir: