FACENDA

O Concello crea un portal da transparencia para facer accesible e comprensible ao cidadán a información municipal

07/05/2014 Adiantándose ao establecido na Lei 19/2013 de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, o Concello vén de crear un portal da transparencia para dar a coñecer á cidadanía dunha forma compensible a información municipal. Xa se pode acceder a este portal a través da páxina web municipal www.santiagodecompostela.gal.

A concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, anunciou en rolda de prensa a posta en marcha desta ferramenta na que xa están traballando de forma conxunta varios departamentos municipais. Neste portal colgarase toda aquela información que require a lei e que afecta fundamentalmente ás áreas de contratación, servizos económicos, servizos xurídicos, estatística e persoal.

Actualmente xa se pode consultar o orzamento de 2014 e nos vindeiros días xa estará a disposición de todo o mundo a liquidación do presuposto de 2013. A continuación iranse subindo documentos como os contratos maiores e menores que subscribe o Concello, documentos relativos ás xuntas de goberno e ao Pleno, todos os datos estatísticos e os observatorios municipais ou os soldos dos altos cargos, no apartado de persoal.

Segundo indicou a concelleira, é un exercicio laborioso e complexo, porque non só se trata de comunicar a información, senón de facela comprensible para o cidadán. Ademais, "isto vén da man dun proceso de modernización integral e de E-Administración" que busca conseguir unha relación máis directa a través das novas tecnoloxías entre o Concello e os veciños da cidade. A intención do goberno e ter todo operativo en decembro de 2014, un ano antes do prazo que marca a lei.

E para facer máis accesible e regular máis pormenorizadamente toda a información articularanse tanto unha ordenanza coma un regulamento da transparencia, que será levado ao pleno para a súa aprobación. Ademais crearase a Comisión de transparencia e bo goberno, para facer seguimento do proceso e da actualización dos datos.

Ao portal accédese directamente a través dun banner situado na marxe superior dereita da páxina web municipal www.santiagodecompostela.gal

Compartir: