TURISMO

Turismo de Santiago amosa a cidade a profesionais de Irlanda, Rusia, Turquía, Kasaquistán e Malaisia

07/05/2014 A empresa municipal colabora estes días en varios viaxes de xornalistas e axentes de viaxes de países que constitúen novas oportunidades para o sector turístico da cidade. Turismo de Santiago colabora con múltiples empresas e entidades para a promoción da cidade, como Aer Lingus, Turkish Airlines, a Axencia de Turismo de Galicia ou o Patronato Rías Baixas.

Turismo de Santiago amosará a cidade durante esta semana a xornalistas, touroperadores e axentes de viaxes procedentes de Irlanda, Rusia, Turquía, Kasaquistán e Malaisia. A diversidade de procedencias de viaxes de familiarización que coinciden no tempo confirma o interese crecente que Santiago ten en novos mercados, que ata o momento se consideraban demasiado lonxanos á oferta turística da cidade pero que constitúen oportunidades de crecemento. O obxectivo é que Santiago poda marcar en 2014 o terceiro récord consecutivo en pernoctacións internacionais, logo de que en 2012 se conseguiran 417.245 e en 2013 447.188.

Entre o seis e o oito de maio están na cidade dous xornalistas irlandeses, nunha viaxe organizada en colaboración con Aer Lingus, A Quinta da Auga, a OET de España en Dublín e Camino Ways. Esta presenza reforza a viaxe de oito xornalistas irlandeses que se organizou no pasado mes de abril aproveitando o comezo da conexión entre Santiago e Dublín de Aer Lingus, que no 2013 obtivo o seu mellor resultado histórico en Lavacolla con máis de 27.000 pasaxeiros e un crecemento do 50% respecto ao 2012.

Entre o xoves e o domingo visitarán a cidade unha ducia de axentes de viaxes e touroperadores turcos, nunha viaxe organizada entre Turismo de Santiago, o Patronato Rías Baixas e a compañía Turkish Airlines, e que conta coa colaboración do Hotel Puerta del Camino. O domingo tamén estarán na cidade un grupo de axentes de viaxes e touroperadores procendentes de Rusia e Kazaquistán, nunha viaxe organizada neste caso pola Axencia de Turismo de Galicia coa colaboración de Turkish Airlines.

O obxectivo conxunto que se prantexa tanto na viaxe de profesionais turcos como na de rusos e kasaquistanís, é que podan comprobar que Galicia é un destino cunha oferta variada que pode adaptarse as características propias destes mercados e que ademáis agora é moito máis accesible grazas á conexión diaria entre Santiago e o hub de Turkish Airlines en Estambul.

Turismo de Santiago tamén amosará a cidade entre o xoves e o luns a un grupo dunha televisión malaia, neste caso a través da Santiago de Compostela Film Commission, o seu servizo para a promoción a través do sector audiovisual. Esta viaxe faise en colaboración coa OET de Singapur e o Hotel San Carlos.

Compartir: