ÁREA DE DESENVOLVEMENTO URBANO E SOSTIBLE

Os alumnos da escola de arte Mestre Mateo poderán expoñer os seus traballos no parque de Belvís

07/05/2014 O Concello de Santiago desexa colaborar coa escola de arte ofrecendo un espazo para que as pezas elaboradas polos alumnos, como parte da súa formación na disciplina artística de escultura, poidan ser expostas ao público. O convenio de colaboración asinado hoxe entre o alcalde e o director do centro, Santiago Riande, deu luz verde a esta iniciativa.

O Concello e a Escola de arte e superior de deseño Mestre Mateo subscribiron o convenio de colaboración para que as mellores pezas dos alumnos poidan ser instaladas nun recuncho do parque de Belvís.

A zona na que se exponrán as pezas será a que se atopa á beira do centro de interpretación dos parques de Compostela, ubicado no parque de Belvís, preto da rúa das Trompas.

A peza que se considere de máis calidade quedará permanentemente instalada no parque de Belvís, en principio no mesmo espazo que se reserva para a exposición das esculturas, se ben pode ser recolocada noutro lugar do parque se así o consideran oportuno os autores, a escola de arte Mestre Mateo e o Concello.

O convenio entrará en vigor na data da súa aprobación e terá vixencia indefinida mentres calquera das partes participantes non notifique por escrito á outra que cesa nesta colaboración.

Documentos relacionados



Compartir: