FACENDA

A liquidación do orzamento de 2013 dá como resultado un remanente positivo de 4,6 millóns de euros

06/05/2014 A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, valorou moi positivamente estes datos xa que "reflexan a consolidación e estabilidade da xestión orzamentaria". A liquidación tamén deixa de aforro bruto 6,9 millóns de euros e unha cifra de estabilidade de 11,8 millóns, así como a redución do tempo de pago a proveedores e da débeda media por habitante.

Cecilia Sierra amosouse moi satisfeita co resultado da liquidación do orzamento do ano pasado porque é indicativo dunha "consolidación, saneamento e estabilidade no tempo das contas" o que permite acadar o obxectivo de "garantir os servizos públicos básicos a través da estabilidade financeira".
As cifras pormenorizadas deixan ver un remanente positivo de 4.593.277,87 euros, o que significa que "hai liquidez suficiente no tempo para facer fronte ás nosas obrigas de pago". Segundo indicou a concelleira, "trátase dun record histórico" xa que "Santiago históricamente ata 2011 era a única cidade galega con remanente líquido de tesourería negativo". A boa noticia non é so a cantidade, senón que "poderá ser empregado para novos investimentos", tendo en conta as limitacións que marca a lei neste sentido. A cifra do resultado do exercizo é de 6.209.898,70 euros.

Graos de execución
No que respecta ao grao de execución de gastos, dun orzamento de 115.992.075,48 euros executáronse 90.238.690,89, é dicir, un 77,80%. En relacións aos ingresos, a porcentaxe foi de 79,02%, xa que dun presuposto de 119.233.085,48 euros foron executados 94.208.725,38 euros.
Estas cifras indican "uns niveis moi altos de execución do orzamento", que se debe á "elaboración de presupostos realistas", sinalou a edil. Así mesmo, fixo fincapé na tendencia a acompasar os gastos en función dos ingresos e na similitude das porcentaxes.

Pendente de pago e de cobro
A 31 de decembro de 2013 a cifra media de pago estaba en 57,29 días e nestes momentos xa se reduciu ata os 40. A tendencia reflexa unha redución no tempo que o Concello tarda en pagar aos seus proveedores: en 2010 era de 123 días e en 2012, de 74. A cifra total de pendente de pago ascende a 18.840.569,69 euros, mentres que en 2010 era de 33,5 millóns. Cecilia Sierra sinalou como unha prioridade reducir os períodos medios de pago, tarefa á que está axudando a implantación da factura electrónica, obrigatoria por lei en xaneiro de 2015 pero que o Concello xa está poñendo en marcha.

Tamén se reduce o período medio de cobro, que pasa dos 64,63 días en 2012 a 42,83 días en 2013. "Xestionamos mellor os nosos cobros ordinarios e si cobramos máis liquidez podemos pagar mellor", remarcou Sierra. En total, a liquidación de 2013 rexistrou un cifra total de pendente de cobro de 36.333.475,45 euros, que se reduce con respecto a 2011 (máis de 43 millóns) e a 2010 (máis de 38).

Endebedamento
Cecilia Sierra cualificou de dato histórico o nivel de endebedamento, "moi baixo pese ao crédito de 12 millóns que solicitou o Concello para pagar a proveedores". Sitúase nun volume do 64,12% "moi por debaixo do permitido pola lei", o que se traduce nunha débeda por habitante de 548,97 euros, un "mínimo histórico". Esta cifra non considera a Participación nos Ingresos do Estado (PIE), non obstante, contemplando este dato, algo ao que non obriga a lei, estaríase ante unha débeda por habitante de 614,70 euros "tamén un dato histórico".

No que respecta ao saldo de dudoso cobro, estase a levar a cabo un proceso de depuración. En 2013 foi de 14.466.074,92 euros fronte aos 16.462.703,97 de 2012.

Estabilidade e aforro
"Dous parámetros moi importantes que marcan o estado de saúde das contas". Neste caso, a estabilidade ascende a 11.892.833,12 euros (en 2010 foi de -502.846,21) e o aforro, a 6.951.462,75 euros. Esta cifra fai referencia ao saldo que queda para autofinanciar os investimentos e as transferencias de capital tras pagar con ingresos correntes os gastos correntes e a amortización da débeda.

Finalmente, as facturas pendentes de tramitar, "outro récord histórico", redúcense á metade con respecto ao ano anterior, arroxando unha cifra de 651.734,85 euros. "Imos na senda cero", recalcou Cecilia Sierra, que lembrou que a día de hoxe estas facturas xa están pagadas.

Compartir: