SEGURIDADE

A Corporación homenaxea os axentes da Policía local que traballaron no accidente de Angrois

06/05/2014 O acto de homenaxe aos 80 policías locais que participaron nos labores relacionados co accidente ferroviario do pasado 24 de xullo tivo lugar no Auditorio de Galicia. O alcalde compostelán, Ángel Currás, fixo entrega dos galardóns acompañado polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez.

Foron condecorados aqueles axentes que prestaron servizo dende as 15:00 horas do día 24 de xullo ata as 08:00 horas do día 25 de xullo de 2013. É dicir, todos os traballadores das quendas ordinarias aos que se sumaron os de reforzo de tres quendas máis o persoal que estando libre de servizo se incorporou tras ter coñecemento do suceso.

Deste xeito, 12 axentes recibiron a Medalla de Servizos Distinguidos do Corpo da Policía Local de Santiago pola súa primeira intervención activa no auxilio das victimas no tren sinistrado, evidenciando un excepcional valor persoal.

Así mesmo, outorgouse a Medalla do Corpo da Policía Local de Santiago de Compostela a 67 policías pola súa participación no dispositivo policial de extraordinaria complexidade e importancia para facilitar o auxilio ás vítimas do devandito accidente. Tamén se concedeu unha felicitación pública a un axente por ser posuídor xa da Medalla do Corpo.

O alcalde compostelán tivo unha mención especial para o xefe da Policía local, Norberto Villaverde, que se xubila tras 41 anos de servizo.

Documentos relacionados



Compartir: