SEGURIDADE CIDADÁ

O Auditorio acolle a entrega de medallas aos policía locais que traballaron no accidente de tren de Angrois

05/05/2014 O Pleno da Corporación aprobou na súa sesión ordinaria do mes de abril a concesión de distincións a oitenta axentes que traballaron no accidente de tren de Angrois o pasado 24 de xullo. O acto de entrega, que estará presidido polo acalde compostelán, Ángel Currás, terá lugar mañá martes 6 de maio ás 19.00 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia.

Tal e como recolle o acordo plenario serán condecorados aqueles axentes que prestaron servizo dende as 15:00 horas do día 24 de xullo ata as 08:00 horas do día 25 de xullo de 2013 "con motivo do desgraciado accidente ferroviario que tivo lugar no lugar de Angrois, consistente no descarrilamento dun tren modelo Talgo 730, do servizo Alvia, con 218 pasaxeiros a bordo, o cal cubría a ruta Madrid-Ferrol co resultado de 79 mortos e máis de 140 feridos". É dicir, todos os traballadores das quendas ordinarias aos que se sumaron os de reforzo de tres quendas máis o persoal que estando libre de servizo se incorporou tras ter coñecemento do suceso.

Na súa intervención no pleno, o concelleiro de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Luis Bello, salientou que este "podería ser o momento oportuno para o recoñecemento aos membros deste Corpo que interviron no devandito dispositivo policial". Para iso, o Regulamento do Corpo da Policía Local de Santiago de Compostela no seu título IV, Capítulo II, artigo 38, contempla a concesión da Medalla de Servizos Distinguidos do Corpo da Policía Local de Santiago, que se outorga a 12 axentes "pola súa primeira intervención activa no auxilio das victimas no tren sinistrado, evidenciando un excepcional valor persoal".

Así mesmo, outorgarase a Medalla do Corpo da Policía Local de Santiago de Compostela, regulada polo artigo 39 do devandito regulamento, a 67 policías que "igualmente son merecedores desta distinción pola súa participación no dispositivo policial de extraordinaria complexidade e importancia para facilitar o auxilio ás vítimas do devandito accidente". Tamén se concede unha felicitación pública a un axente por ser posuídor xa da Medalla do Corpo.

Documentos relacionados



Compartir: