TURISMO

Santiago celebra a súa semana xaponesa con gastronomía, obradoiros, exposicións e concertos

05/05/2014 O programa inclúe unha mostra de cantos e danzas de monxes budistas e sacerdotes xintoístas da Prefectura de Wakayama. A Semana de Xapón en Santiago, organizado por Turismo de Santiago no marco do Ano Dual Xapón España, celebrarase entre o nove e o trece de maio.

A concelleira de Turismo, Reyes Leis, a presidenta da Casa Galicia Xapón, Megumi Shiozawa, e a xerente do Mercado de Abastos, Marta Rey, presentaron no Pazo de Raoxi a Semana de Xapón en Santiago, que terá lugar entre o nove e o trece de maio e incluirá un amplo abano de actividades. O obxectivo de Turismo de Santiago, organizador do evento, é que os composteláns e o sector turístico da cidade podan coñecer mellor a cultura xaponesa para así poder ser unha cidade aínda máis atractiva para o mercado nipón. Tamén servirá para promocionar directamente a cidade en Xapón, xa que acudirá unha ampla delegación de representantes da cidade de Tanabe e da rexión de Wakayama.

O mercado xaponés é unha das grandes oportunidades para o sector turístico na cidade por tres razóns: trátase dun dos mercados do mundo con maior gasto por persoa; a conexión de Turkish Airlines entre Santiago e o hub de Estambul mellorou dun xeito importante a conectividade co país asiático; e os atractivos culturais, gastronómicos ou de natureza de Santiago adáptanse aos gustos dos xaponeses, como desmostran a visita do príncipe herdeiro Naruhito o pasado mes de xuño ou a máis recente do primeiro ministro xaponés, Shinzo Abe.

A Semana de Xapón en Santiago contará con diversos obradoiros sobre artes tradicionais xaponeses, que permitirán coñecer aspectos da súa cultura. Algúns dos obradoiros diríxense aos nenos, para que tamén os máis pequenos podan tomar contacto coa cultura nipona. Todos os obradoiros son gratuitos e terán lugar na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos, pero terán aforos limitados, polo que será preciso inscribirse previamente por correo electrónico. Toda a información sobre horarios, aforos, inscripcións, pode consultarse tamén na web santiagoturismo.com.

As artes xaponeses sobre as que se farán Obradoiros son: o Obento, que consiste en preparar comida para levar empaquetada nunha caixiña e que constitúe un elemento moi importante na cultura gastronómica de Xapón; a Cerimonia do Té "Sado"na que están presentes a filosofía zen e o budismo e se amosa dun xeito ritual a preparación do té verde xapones Matcha; o Origami, que consiste en dobrar follas de papel con formas cuadradas e sen cortes para poder obter todo tipo de figuras de base xeométrica a través de movementos que potencian a creatividade, a destreza manual, a concentración, e a perseverancia; e o arte floral Ikebana, que literalmente quere dicir "facer vivir as flores".

Ademáis dos obradoiros, tamén haberá diferentes exhibicións. O sábado dez de maio adicarase unha xornada gratuita e de libre acceso adicada ao Aikido no pabellón da Universidade. O Aikido é unha arte tradicional xaponesa que procede das disciplinas marciais. Sen embargo, lonxe do espíritu de loita, o propósito do Aikido é buscar a resolución dos conflictos dun xeito constructivo, propoñendo un traballo persoal orientado á superación do dualismo, a aceptación e o autocontrol.

O sábado e o domingo haberá dúas exhibicións na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos sobre a arte de vestir o kimono ou "kitsuke", un ritual complexo polos complementos que precisa e os distintos estilos de colocación do obi. Nestas demostracións amosaranse dous xeitos de vestir o kimono: unha informal, para levar a diario, e outra formal, con todos os accesorios e os complementos dun vestido de gala.

O sábado haberá un concerto de música xaponesa coa frauta "Shakuhachi" na Igrexa de San Fiz. No Xapón tradicional os monxes Komuso practicaban zen soprando nunha longa frauta de bambú ou shakuhachi, fronte a meditación clásica de maneira sentada ou Zazean, para alcanzar estados elevados da alma mediante a interpretación instrumental. O concerto é gratuito pero o aforo está limitado a 150 prazas, con reserva previa.

O martes 13, entre as 10.30 e as 11.30, terá lugar un dos momentos máis impactantes do programa, coa actuación de monxes budistas e sacerdotes xintoístas da prefectura de Wakayama na Catedral de Santiago. Tratarase dunha cerimonia na que se simbolizará a unión entre os Camiños de Santiago e de Kumano, ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco, e a colaboración e a amizade entre as cidades de Santiago e Tanabe.

Ademais dos Obradoiros, as exhibicións e os concertos, entre o nove e o trece de maio poderá verse a exposición fotográfica "Santiago-Kumano Rutas de Peregrinaxe Patrimonio da Humanidade" na Aula Gastronómica do Mercado de Abastos. Tamén os restaurantes interesados poderán adherirse á Semana de Xapón en Santiago adicando acenos na súa carta destes días á gastronomía xaponesa. As propostas particulares de cada restaurante, que se poderán degustar entre o oito e o trece de maio, poderán consultarse na web de Turismo de Santiago

O martes pola tarde clausurarase a Semana de Xapón en Santiago cunha conferencia no Paraninfo da Facultade de Historia sobre "Filosofía e Espiritualidade do pobo xaponés", impartida por representantes da prefectura de Wakayama e da Casa Galicia Xapón. A Semana de Xapón en Santiago conta coa colaboración da cidade de Tanabe e da rexión de Wakayama, a Casa Galicia Xapón, a Asociación para o fomento do Aikido, o Mercado de Abastos, a Universidade de Santiago, o Arzobispado de Santiago e a Catedral de Santiago.

Documentos relacionados



Compartir: