DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O novo contrato de mantemento das zonas verdes inclúe un plan de sensibilización ambiental

02/05/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou en rolda de prensa outra das melloras incluídas no contrato de mantemento dos espazos verdes da cidade adxudicado a Cespa. Neste caso trátase dun plan de sensibilización ambiental na busca dunha xestión máis sustentable dos parques e xardíns.

Como indicou a concelleira "unhas das melloras do novo contrarto de zonas verdes tiña que estar relacionada coa sensibilización medio ambiental e o plan que presentamos resulta ser moi ambicioso nesta cuestión" E é ambicioso porque un dos eixes de actuación do novo contrato de zonas verdes é a sostibilidade e este obxectivo non se podería alcanzar sen unha sensibilización ambiental de todos os implicados no servizo.

O primeiro que se quere destacar é que a prestación do servizo debe ser sostible, por iso dende esta perspectiva o plan márcase os seguintes obxectivos en relación con este tema: informar os traballadores da finalidade ambiental do novo servizo; dar unha imaxe coherente e crible aos traballadores do servizo para compartir un obxectivo común; divulgar a xestión sostible do servizo aos cidadáns de Santiago; facer partícipes a todos os axentes activos da sostibilidade; e manter unha canle de comunicación aberta entre o Concello, a concesionaria, os seus traballadores e os usuarios das zonas verdes.

Centro de interpretación ambiental
O Centro Municipal de Parques creado no 2008 atendeu unha media de 3.200 persoas ao ano. Este proporciona respostas a diferentes demandas e inquietudes por medio do seu persoal a través da difusión de folletos, libros e outros documentos xa sexa de forma individual ou en campañas específicas.
Se ben as visitas guiadas con poboación infantil son dunha participación acceptable, a concelleira indicou que hai se quere poñer énfase nos adultos para facelos partícipes das actividades que se realicen dende aquí xa que, cos datos na man, quedan moi lonxe do grao de participación de nenos e novos.

Para dinamizar este Centro levaranse a cabo diferentes iniciativas como a colaboración coa USC; a xestión das hortas municipais, a divulgación da xestión sostible así como a obtención de diferentes certificados ambientais. A participación nas accións que se programen levaranse a a colexios, institutos, asociacións, centros socioculturais, etc.

Segundo María Pardo, "trátase de que, nunhas zonas verdes nas que estamos todos, paticipemos todos". Coa colaboración coa USC darase a coñecer entre os diferente sectores da poboación os valores que albergan os espazos verdes de Santiago. "Hai que definir a relación que teñen os cidadáns coas súas zonas verdes que tan importantes son nas cidades por todo o que achegan", indicou.

Outro obxectivo tanto do plan como do centro é vertebrar todos estes espazo verdes: xardíns, hortas municipais, rutas verdes, etc. Así mesmo, o Plan de Sensibilización ambiental levarase a cabo co IBADER (Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural) da USC. Nel destacarase a importante función social e ambiental das zonas verdes; as sinerxias entre os valores artísticos e históricos e ademais difundirase as información en galego, castelán e inglés.

Outra acción interesante será a creación dunha recompilación en formato dixital de documentos e publicacións históricas nas que se recolla o coñecemento histórico dos xardíns de Santiago. As aplicacións para os móbiles non quedan fóra das accións que se levarán a cabo por iso poderase facer un modelado en 3 D do que se fotografe nos parques e, unha vez subido á nube, descargarase en 3 D.

Unha aplicación permitirá vía GPS que o usuario dun parque, ruta ou outra zona verde saiba a súa posición respecto de árbores siginificativas ou monumentos importantes situados nestas zonas ou preto. "En fin, exposicións, itinerarios, presentacións, publicacións, divulgación, guías, rutas...esta mellora pretende dar un xiro á actual situación e que os cidadáns coñezan os seus parques e zonas verdes, o que teñen, o que esconden, a súa historia, a súa importancia e interactuar con eles…toda unha nova percepción deses espazos que nos fan gozar ao camiñar, correr, sentarnos a ler, aproveitar un bo día de sol...", resumiu a edil da área.

Estas accións levaranse a cabo en colexios, asociacións e centros socioculturais. O plan funcionará durante a vixencia do contrato e terá un custo de 345.959 €.

Compartir: