XUNTA DE GOBERNO

O Programa de edificios tutelados contará cun orzamento de medio millón de euros

02/08/2006 A Xunta de Goberno municipal aprobou a convocatoria do Programa de edificios tutelados da cidade histórica, cuxa xestión corresponderá a EMUVISSA. Esta iniciativa vai permitir a rehabilitación e recuperación dalgúns edificios da zona histórica, que serán posteriormente alugados para recuperar o investimento realizados nos mesmos. Para esta primeira convocatoria, o Consorcio de Santiago achega 500.000 euros.

O Programa de Edificios Tutelados contempla a rehabilitación de certos edificios deteriorados que permitan unha intervención arquitectónica integral. Os inmobles non poden estar en ruínas nin ter algún tipo de gravame ou infracción urbanística. O investimento realizado nestes edificios, despois da elaboración dun proxecto e dun estudo económico, recuperarase a través da explotación do mesmo inmoble en réxime de aluguer. Os propietarios interesados terán dous meses para inscribirse e entrar no proceso de selección.

O prazo mínimo fixado para a recuperación do investimento e no que, polo tanto, no se poderá cambiar o uso do inmoble é de 12 anos, se ben se pode estender en función da contía da intervención realizada. O Consorcio cubrirá o 60% do custo da obra a fondo perdido, mentres que Emuvissa achegará o 40% restante coa amortización do aluguer dos inmobles.

Ademais deste punto, aprobáronse outros como a concesión á Asociación Compostelán de Esclerose Múltiple (ACEM) dunha parcela en Salgueiriños para a implantación dun centro social e de rehabilitación integral para enfermos de esclerose múltiple. A reserva realízase por un prazo de tres anos.

No capítulo de obras, destacan as que se realizarán no pavillón polideportivo Lorenzo de la Torre, onde se substituirá o pavimento, cun investimento aprobado de 57.990 euros. Tamén se deu o visto bo ao proxecto para a reparación do tellado da Escola Rural de Rial-Laraño, por un importe de 46.825 euros.

Acceso ao casco histórico

A Xunta de Goberno tamén adxudicou o servizo de mantemento, conservación e reparación do sistema de control de acceso restrinxido ao casco histórico, por unha cantidade anual de 46.192 euros. Este servizo inclúe cuestións como a mellora do sistema de comunicación de portas do centro de control, a colocación de leds nos semáforos das portas de acceso e saída ou o mantemento das sinais verticais. En materia de tráfico adxudicáronse os trabalos de instalacións semafóricas para a renovación e adaptación do sistema de control.

Igualmente, deuse o visto bo á instalación de varias barreiras de contención de vehículos nas pistas asfaltadas contiguas a desniveis da vía férrea na liña Zamora-A Coruña. Investiranse 30.000 euros nesta actuación.

En Educación, aprobouse o programa da Escola de Verán para o mes de setembro, que se desenvolverá entre os días 4 e 8. Poderán participar rapaces de seis a doce anos e realizarase nos centros de Fontiñas, Sar, Pío XII e Quiroga Palacios.

Finalmente, os cidadáns poderán beneficiarse dunha mellora na xestión dos seus expedientes urbanísticos, grazas á contratación dun novo sistema informatizado para o Servizo de Planeamento e Xestión da área de Urbanismo. Neste sistema investiranse 45.000 euros.

Segunda sesión extraordinaria

Ademais da primeira sesión extraordinaria, a Xunta de Goberno Local celebrou outra na que, entre os puntos máis importantes, deuse o visto bo ás obras de construción dunha pista polideportiva en Salgueiriños, cun custo de 128.393 euros. Tamén se adxudicaron diversas obras de reparación nos centros socioculturais da Peregrina e de Laraño.

Entre os acordos, estivo tamén o das obras de construción do muro de cimentación, estrutura, cubertas e impermeabilización do edificio destinado a Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (CERSIA), por un importe de 316.531 euros.

Compartir: