CONSUMO

A OMIC de Santiago atendeu 977 consultas e 163 reclamacións no que vai de ano

01/08/2006 A telefonía segue a ser a materia sobre a que máis queixas de usuarios se presentan na Oficina Municipal de Información ao Consumidor, con 129 consultas e 67 reclamacións ata o 31 de xullo, a maioría motivadas por facturación incorrecta ou por non solicitude de portabilidade. En total, esta oficina recibiu 977 consultas e 163 denuncias neste período.

O seguinte sector en número de consultas é o do aluguer de vivendas, con 54 consultas sobre temas como a devolución de fianzas ou a reparación das residencias. Non obstante, só se presentou unha reclamación no que vai de ano sobre este tema, todo o contrario que no sector de transportes públicos, onde se formularon 18 reclamacións.

A compra de vivenda, as reparacións do fogar, os servizos financeiros, os automóbiles usados ou os seguros son outros dos sectores que motivan máis consultas. En canto ás denuncias, ás xa citadas séguenlle materias como a administración e os servizos públicos, os servizos financeiros, o gas ou as viaxes. Este último capítulo aumenta especialmente nas datas do verán. Viaxes que non coinciden co contratado na axencia ou perdas de conexión de voos son temas recurrentes, sobre todo cando o usuario non sabe moi ben a quen reclamar.

Compartir: