CONSORCIO

O Consorcio achegará este ano 230.000 euros para o desenvolvemento de actividades culturais na cidade

25/04/2014 Destinará á Fundación Laboral da Construción 15.000 euros para a realización de cursos prácticos en materia de rehabilitación, restauración e mantemento de edificios.

O Consorcio de Santiago celebrou esta mañá a súa Comisión Executiva, presidida polo alcalde da cidade e presidente do organismo, Ángel Currás. Entre os temas abordados na xuntanza destaca a aprobación de dous convenios, un co Auditorio de Galicia para a realización de actividades culturais na cidade e outro coa Fundación Laboral da Construción en materia de formación.

Deuse luz verde a novas intervencións en monumentos e edificios da cidade como o Multiusos do Sar, Palacio de Congresos, Auditorio de Galicia, Pazo de Bendaña, Convento do Carme, capela do Cristo do Mosteiro de Conxo; e as igrexas de San Paio de Sabugueira na Lavacolla, Santa María de Figueiras e San Agustín. Aprobáronse novos investimentos para a mellora dos pavimentos da cidade histórica. E abordouse a aprobación dun crédito para a redacción do Plan Director do Conxunto de San Domingos de Bonaval.

Convenio co Auditorio de Galicia
En relación ao convenio asinado co Auditorio de Galicia, o Consorcio contribuirá ao desenvolvemento dos seus programas culturais, que inclúen actividades nas áreas de música, teatro, danzas do mundo, exposicións e artes plásticas; cunha dotación económica de 230.000 euros para este ano.

O acordo inclúe a temporada de teatro e danza, que conta cunha programación estable ao longo do ano. As mellores compañías galegas, nacionais e internacionais presentan os seus espectáculos no Teatro Principal, no Auditorio de Galicia e tamén na Zona "C" de Bonaval. Pola súa parte, o ciclo de comicidade "Falabaratos" ofrece monólogos, contos e outros shows protagonizados por recoñecidos nomes da escena actual.

No ámbito musical, o Consorcio apoiará o ciclo Sons´14, unha proposta que fai un percorrido polos diferentes estilos musicais, da man de artistas procedentes de diversas partes do mundo; e as Xornadas de Música Contemporánea, un ciclo de concertos que se complementa con mesas redondas, conferencias e obradoiros.

No eido das exposicións, o Consorcio de Santiago contribuirá economicamente coa organización dos Premios Auditorio de Galicia para novos intérpretes. E tamén coa mostra antolóxica que sobre o pintor compostelán Xulio Maside se exporá entre os meses de setembro a decembro.

Para as familias e para os máis pequenos, o Consorcio apoiará a programación de Nadal, a programación cultural estable dirixida a este público e o ciclo de concertos didácticos que o Auditorio de Galicia promove para os escolares. Ademais, colaborará na posta en marcha da programación especial de verán, que aglutina eventos de carácter escénico e musical nas prazas, rúas e xardíns do casco histórico.

Convenio coa Fundación Laboral da Construción
A Fundación Laboral da Construción está constituída polas organizacións empresariais e sindicais máis representativas do sector, cuxos fins son o fomento da formación profesional, da seguridade e saúde laboral e do emprego neste eido. O Consorcio colabora con esta entidade en iniciativas vencelladas á formación, asesoramento, desenvolvemento de proxectos e organización de actividades de difusión.

O convenio que se asinará entre os dous organismos céntrase no desenvolvemento de accións formativas en materia de rehabilitación, tan importante para unha cidade como Santiago de Compostela, e conta cunha achega de 15.000 euros do Consorcio.

Tal como explica a xerente do Consorcio, María Antón, "a intervención rehabilitadora necesita, ademais do coñecemento dos materiais e as técnicas empregadas na construción dos edificios nos que se intervén, o dominio de novas solucións co obxecto de integralas correctamente nas construcións rehabilitadas. E isto faise especialmente patente nas accións destinadas a mellorar o confort e a consecución duns estándares de habitabilidade dentro duns criterios axeitados de eficiencia enerxética".

Continuando coa colaboración mantida nos últimos anos, deseñaranse e impartiranse cursos destinados á formación práctica en materia de rehabilitación, restauración e mantemento; orientados ás intervencións de mellora en illamento, reparación de revestimentos e corrección de humidades nos edificios.

Convócase unha praza de violoncello para a Real Filharmonía de Galicia
Durante a xuntanza tamén se aprobaron as bases da convocatoria dunha praza de violoncello para a Real Filharmonía de Galicia.

Compartir: