RELACIÓNS VECIÑAIS

Concedidas todas as excursións solicitadas polas entidades veciñais dentro do programa " Imos coa Asociación"

25/04/2014 Rematou o prazo para que as asociacións de veciños de ámbito rural e da periferia de Santiago solicitaran participar no programa "Imos coa asociación" promovido pola Concellaría de Relacións Veciñais.

Trece entidades (dúas máis que o ano pasado) solicitaron participar na convocatoria e demandaron vintetrés excursións (catro máis que o pasado ano).

O programa pon a disposición das asociacións de veciños do ámbito rural e da periferia de Santiago unha oferta específica de excursións organizadas, que propician o goce e o encontro en convivencia coa veciñanza das distintas parroquias interesadas. Ten o dobre obxectivo de dar a coñecer a riqueza patrimonial propia de diversas contornas tanto próximas (Área de Santiago) como do resto de Galicia; e dar resposta desde a área de Participación Cidadá ás demandas detectadas entre as asociacións de ámbito rural de Santiago que solicitan un programa destas características.

Irán de excursión as parroquias de Grixoa, San Xoán de Fecha, Santa Cristina de Fecha, Villestro, Busto, Marantes, Laraño, Aríns, O Eixo, Enfesta e Bando e tamén Meixonfrío. O destino máis solicitado foi o do día de praia nas illas Cíes (sete), e como novidade, salientan as tres excursións aos destinos incluídos na Área de Santiago.

Todas as excursións se desenvolverán entre xuño e novembro deste ano e a Área de Participación Cidadá subvenciona o 40% sobre o gasto total das excursións que repercuten en conceptos como pago de guía-acompañante, seguro, autobús, peaxes e estacionamentos.

As asociacións deberán facer un pagamento conxunto pola totalidade das persoas que participan na excursión, a través do ingreso na conta bancaria que indique a organización.
No prezo ofertado non se inclúen entradas a museos, viaxes en catamarán, comidas ou calquera actividade con custo adicional, que correrá a cargo dos participantes.

Rematado este prazo, nos vindeiros días compoñerase o calendario de excursións solicitados polas AA.VV., que terán resposta por escrito a través de correo electrónico da correspondente asignación de participación.

Listaxe de participantes:
Unha vez asignada a excursión, cada asociación veciñal deberá achegar á Casa das asociacións, no horario indicado, a listaxe de participantes na que deben aparecer os seguintes datos: NOME, APELIDOS, DNI e DATA DE NACEMENTO de todas as persoas participantes na excursión.

En caso dun menor sen DNI, aparecerá tamén na listaxe co nome e apelidos, pois irá cuberto polo seguro de responsabilidade civil. Ao entrar no autobús será obrigatorio identificarse co DNI e non se admitirá a ninguén que non apareza no listado da excursión. As listaxes presentaranse de maneira que se entendan todos os datos e as escritas a man virán cubertas con letra maiúscula e clara.

Prazo de entrega das listaxes: a data límite será o mércores da semana en que se leve a cabo a excursión. Non se admitirán listaxes despois deste día. Se non se entregan as listaxes a tempo, a excursión suspenderase.

Horarios: xeralmente, as saídas serán as marcadas pola organización e faranse as paradas necesarias para recoller aos participantes, sempre dentro da parroquia da asociación.

Xantar: a contratación do xantar nos restaurantes correrá por conta da asociación. Facilitaranse por parte da organización datos sobre algúns restaurantes que deberán ser contratados directamente polas asociacións, que acordarán co estabelecemento o tipo de menú, o prezo, etc. Con todo, as asociacións serán libres de escoller calquera outro restaurante, sempre e cando se sitúe na zona ou localidade determinada pola organización. O horario de comezo do xantar será entre as 14 e as 14:30.

Variacións nos itinerarios: serán debidas á imposibilidade de poder acceder esa xornada e nese horario a un lugar ou monumento determinado. En calquera caso, as modificacións serán comunicadas con tempo suficiente ás directivas das AA.VV. para que llelas fagan chegar aos asistentes Excepcionalmente as AA.VV. poderán modificar de mutuo acordo coa empresa de transportes a data da excursión.

Na publicidade, comunicacións e referencias en revistas e outras publicacións, relativas ás excursións do programa farase constar que son promovidas polo Concello de Santiago e organizadas pola axencia de viaxes Deza.

Mais información en:
Casa das asociacións de Cornes
Rúa de Manuel Beiras nº3
Horario de atención: martes a sábado 10 a 14h e 17 a 20.30h
981.542350
Descarga do folleto, folla de inscrición e itinerarios das excursións en
www.santiagodecompostela.gal

Documentos relacionados



Compartir: