DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

O Concello acometerá a renovación de 42 equipamentos deportivos ao aire libre

14/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbano Sostible, María Pardo, presentou o Plan de mantemento de instalacións deportivas ao aire libre, que executará a empresa Cespa como mellora dentro do contrato de parques e xardíns. En virtude deste plan, realizarase a renovación de 42 pistas e o mantemento de 54.

Cespa acometerá a a posta a punto incial de 42 pistas deportivas, así como o mantemento de 54 instalacións deportivas ao aire libre dentro das zonas verdes do municipio. Serán en total 47 pistas deportivas, 2 de skate park, 4 pistas de chave e 1 pista deportiva de céspede artificial. Como salientou a concelleira, levarase a cabo tanto na zona urbana como na rural cun orzamento de 469.015 euros e un prazo de execución de 7 meses.

María Pardo amosouse especialmente satisfeita deste plan, xa que permitirá manter en perfectas condicións de usabilidade unhas instalacións municipias que empregan a diario os veciños de Compostela, así como darlle un lavado de cara a moitas delas. O investimento en cada pista irá en función do deteriorada que estea, deste xeito, as que máis traballo necesitan son as de Bando (9.000 euros), Fermín Bouza Brey (12.000 euros), parque Xixón (10.000 euros), San Xoán (14.000) e Cardeal Quiroga (16.000 euros).

A empresa procedeu a facer un inventario de todas as instalacións deportivas existentes en zonas verdes, identificando a problemática de cada unha delas: equipamentos, peches perimetrais, pavimentos, liñas de xogo, etc. Unha vez realizado o diagnóstico elaborouse o plan, que pode ser executado de inmediato. No que a pavimentos se refire, realizarase a limpeza intensiva e lavado a presión, a marcaxe dos campos, o nivelado con morteiros e a reparación de grietas e pulido. En total, actuarase sobre 1.184 metros cadrados de pavimento. Levarase a cabo tamén o pintado de postes e a reposición e colocación da rede de nylon recolle-balóns ou a colocación de canastras e porterías e demais material deportivo necesario. A actuación complétase co mantemento dos 47 equipamentos e traballos de xardinería complementarios.

Co obxecto de realizar a posta a punto inicial no menor tempo posible formalizarase un equipo de sete persoas encargadas de realizar a mellora, mentres que o mantemento será exectuado por unha brigada de dúas persoas. Empregarán un vehículo eléctrico.

María Pardo manifestou a súa satisfacción polos melloras acadadas dentro do prego de mantemento dos parques e xardíns da cidade, e salientou especialmente este plan, con actuacións moi demandadas polos veciños da cidade.

Documentos relacionados



Compartir: