XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aprobou obras en vías do rural por máis de 90.000 euros

10/04/2014 A Xunta de Goberno local deu luz verde a novas obras de mellora e acondicionamento de pistas no rural por máis de 90.000 euros. A voceira María Pardo tamén anunciou que se aprobaron as condicións para contratar un préstamo por seis millóns de euros.

A proposta da concelleira de Facenda, a XGL aprobou as condicións para a contratación dun préstamo de 6.000.000 euros, aínda que se aceptarán ofertas pola metade. O prazo para presentación das mesmas será de dez días e este anuncio estará colgado no perfil do contatante.

Área de Desenvolvemento Urbano Sostible
Segundo sinalou María Pardo, e a proposta da súa Área, a XGL aprobou o expediente para a contratación das obras incluidas no proxecto de modificado de mellora e acondicionamento de viais nas parroquias de Cesar, Berdía, A Barciela e San Caetano, incluidas no POS 2013 da Deputación da Coruña. Estas obras contan con un orzamento de licitación de 50.019,10 €. Así mesmo, e tamén dentro do POS 2013, deuse luz verde á obra de mellora e acondicionamento dun vial en O Castro (Bando) por 40.738,24 euros.

Tamén da mesma área, aprobouse o convenio de colaboración entre o entre o Concello e a Fundación Refuxio de Animais cunha achega do Concello de 180.000,00 €. A Fundación desenvolve entre outras funcións para o Concello a acollida de animais de compañía abandonados que é competencia municipal. Así mesmo, e como complemento, iniciouse o expediente para a contratación do servizo de intervención e recollida de animais abandonados, perdidos, domésticos ou salvaxes de competencia municipal polos seguintes importes: ano 2014, 27.596,62 € e ano 2015: 17.171,23 €.

Así mesmo, aprobouse o expediente para a contratación do servizo de actualización da cartografía SIG de referencia municipal a escala 1:500 no ámbito da cidade e escala 1:100 no resto do termo municipal de Santiago por un importe de licitación de 82.644,63 € IVE incluído. Como indicou a edil, cómpre actualizar este servizo xa que a anterior actualización fíxose hai cinco anos polo que non recolle os grandes cambios significativos da cidade do último lustro.

Outros asuntos
A proposta do Concelleiro de Deportes a XGL aprobou o expediente do servizo de vixilancia do estadio municipal de San Lázaro cos seguintes importes de licitación por ano:
Ano 2014: 46.881,81 € IVE incluido.
Ano 2015: 80.368,81 € IVE incluido.
Ano 2016: 80.368,81 € IVE incluido.
Ano 2017: 80.368,81 € IVE incluido.
Ano 2018: 33.487,00 € IVE incluido.

Da área de Economía, deuse luz verde á realización do sorteo dos premios de EGANET consistentes en dous bonos para formación relacionada co emprendemento e a mellora profesional doados pola Escola de Negocios de Novacaixagalicia e Smartmind. Este sorteo realizarase no edificio CERSIA Empresa o 21 de abril ás 12 horas e poderán presentarse ó mesmo os censados no Concello de Santiago, se son usuarios do Servizo de Apoio á Empresa do Concello, do Servicio de apoio ao emprendemento da Cámara de Comercio ou da USC.

No que respecta a subvencións, a XGL aprobou o convenio coa Fundación Granell, por un importe de 126.000 €, que ten por obxecto o fomento, estudo e difusión do conxunto da obra de creación do pintor. Así mesmo, aprobouse a proposta do concelleiro de Seguridade unha subvención directa para a Agrupación de Protección Civil por un importe de 6.000 €.

Na Área de Servizos Sociais, aprobouse a proposta da concelleira de Benestar Social pola que se acepta a subvención da Deputación da Coruña para a realización do II Congreso de Violencia de Xénero e que ten un importe de 30.525,00 €.

Por último, deuse luz verde á realización da semifinal da 5ª Edición do Certame Musicaula. Esta acción faise coa colaboración de DP Music Entertainment que organiza a semifinal da zona norte para esta edición do certame para grupos musicais noveis. Trátase dun festival de música Pop-Rock a nivel nacional dirixido a novos grupos de música de estudantes e a colexios e institutos de todo o pais e que ten como obxectivo principal darse a coñecer e desenvolver a súa carreira artística. Son 25 grupos, cinco por cada zona xeográfica, dos que sairán 5 para a final que se disputará en Madrid no mes de xuño. O custo desta acción é de 9.135,50 €.

Comisión asesora do Casco Histórico
A concelleira María Pardo tamén deu conta dos asuntos tratados na Comisión asesora do Casco Histórico, entre os que salientan a aprobación dos proxectos de reurbanización das rúas Carretas e Quiroga Palacios, que serán presentados aos veciños nas vindeiras semanas, así como a aprobación do proxecto de construción do centro de saúde de Atención Primaria de Galeras.

Compartir: