EDUCACIÓN

Continúan as viaxes de escolares dentro do programa pedagóxico do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España

10/04/2014 Turno para os escolares do IES Saénz de Buruaga (Mérida) que chegaron onte a cidade compostelá e se hospedarán ata o 11 de abril. Esta mañá visitaron o Pazo de Raxoi onde os recibiu o alcalde de Santiago, Ángel Currás e a cancelleira de Educación, María Castelao.

Os rapaces de Mérida coñecen nesta visita a Cidade Histórica e o Museo das Peregrinacións, as fachadas e Prazas da Catedral (Praterías, Quintana e Inmaculada), o Pazo de Raxoi, o Hostal-Parador Dos Reis Católicos, o Mosteiro de San Martiño Pinario, as rúas do Franco, do Vilar e rúa Nova, as Casas do Deán, do Cabido e da Troia, o colexio de Fonseca e de San Xerome (Sede da USC), o mosteiro de San Paio de Antealtares e a Catedral.

Para hoxe os escolares seguirán coñecendo os distintos aspectos históricos e culturais da cidade de Santiago a través dunha gran gyncana na que poderán degustar pastas caseiras no Convento de San Paio de Antealtares.

Pola tarde acercaránse á Cidade da Cultura onde disfrutarán da exposición de "Auga Doce" e rematarán a xornada visitando as cubertas da Catedral de Santiago.

Para o venres, teñen previsto facer un percorrido no tren turístico bordeando a cidade histórica onde descubrirán os xardíns e as zonas verdes de Compostela, arquitecturas de autor e vistas panorámicas sobre a zona monumental e a Catedral de Santiago poñendo punto final a esta viaxe escolar.

Esta viaxe rematou onte para os 25 alumnos de sexto de primaria do CEIP Raíña Fabiola que se desprazaron a Segovia, onde coñeceron monumentos como o Alcázar ou a Casa da Moeda ao tempo que compartiron tempo e xogos cos escolares anfitrións.

Aula Patrimonio e unha iniciativa onde o alumnado está a coñecer e valorar non só a súa propia cidade senón o resto de urbes que ostentan o mesmo título outorgado pola UNESCO.

Compartir: