CULTURA

Compostela, capital europea do clown

31/07/2006 O Festival Internacional de Clown de Galicia, Festiclown, chega por terceiro ano consecutivo á cidade de Santiago, consolidando a súa presenza nos veráns da capital galega. Ata o 6 de agosto, a cidade transfórmase no paraíso dos pallasos, do humor e da risa solidaria grazas a esta iniciativa lúdica e formativa organizada pola Concellería de Cultura.

Esta nova edición do evento conta con novidades importantes, coas que se agarda superar o éxito de asistencia e de calidade artística acadado en campañas pasadas. Un encontro internacional de malabaristas, a actuación estelar de Faemino e Cansado e a ampliación do apartado social, son algúns dos puntos fortes que propón.

A sección formativa do Festival, Formaclown, oferta 10 cursos e máis de 250 prazas. Contará con mestres internacionais xa habituais do festival, coma o irreverente pallaso americano Jango Edwards, que imapartirá un curso de clown xunto ao seu estreito colaborador Peter Ercolano. Outro dos padriños do Festival, o comprometido e á vez polémico bufón Leo Bassi, volverá ao Festiclown por segundo ano consecutivo co seu curso "En Busca da túa identidade cómica".

Algúns participan por primeira vez, coma o italiano Carlo Boso, un dos máis prestixiosos directores de teatro europeos. Xunto con Blanca del Barrio (asistente de Marcel Marceau), encabezan o listado dos grandes mestres e artistas dos cursos. Loco Brusca, Jesús Jara, Pablo Pudnik, Sergio Claramunt, Pablo Trasno e Ángel Sánchez completan o listado dos recoñecidos nomes que participan na maior escola de formación clown en Europa.

Faemino e Cansado

O prato forte do programa da Mostra Internacional será a actuación do popular dúo cómico Faemino e Cansado. Así, o Festiclown vestirase de gala polas noites para recibir, dentro desta sección, a algúns dos artistas de maior prestixio e recoñecemento internacional dentro do universo do clown, do humor e do teatro cómico. O destacado actor e cómico Pepe Viyuela, sobradamente coñecido polas súas aparicións televisivas, o transgresor clown e malabarista americano Dirty Fred ou a poética dos maiorquíns Res de Res, serán outros dos grandes atractivos do programa.

Como gran novidade desta edición, o Festiclown acollerá un Encontro de Malabaristas, con talleres de malabares e circo, espectáculos de rúa, olimpiada malabar e unha gala de artistas de circo con algúns dos nomes máis sobresaíntes do estado: Javi Javichi, Manolo Carambolas, Capitán Maravilla e os Hermanos Inconfindibles.

Lanzamento e compromiso

Ademais, un bo número de compañías galegas, españolas e do resto do mundo presentarán os seus espectáculos nalgunha das Clownvocatorias Artísticas, que rexistraron unha resposta moi exitosa, tanto pola cantidade e calidade dos artistas como pola variedade das súas propostas. Deste xeito, o Festiclown convértese nunha plataforma única para o lanzamento de grupos e compañías.

O Festiclown 2006 reforzará un dos aspectos característicos do Festival, o seu espírito de compromiso, ampliando a programación do apartado social con exposicións fotográficas, videoinstalación-clown permanente e charlas.

A recadación da venda de entradas para a Mostra Internacional, excepto para o espectáculo de Faemino e Cansado, irá destinado a un Fondoclown Solidario, a través do cal o Festiclown Compostela 2006 tamén achegará a risa a outros lugares e pobos do mundo. A entidade de cooperación internacional a través da risa Pallasos en Rebeldía, creada en torno ao Festiclown e a súa compañía oficial, Os 7 Magníficos + 1, será a encargada de dar continuidade ao proxecto social posto en marcha polo Festiclown. Esta iniciativa consiste na creación dunha Escola de Formación de Pallasos nas comunidades indíxenas zapatistas de Chiapas (México), co obxectivos de promover o teatro como instrumento de expresión.

Durante toda a semana, o Festiclown Compostela 2006 ofrecerá máis de cen pases de espectáculos polas rúas, prazas e teatros da capital de Galicia, converténdoa nun referente mundial da risa, da improvisación e da solidariedade.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: