BENESTAR SOCIAL

Benestar Social organiza unhas xornadas formativas sobre prevención e sensibilización contra a violencia de xénero

09/04/2014 Durante os meses de abril, maio e xuño, a Área de Servizos Sociais do Concello pon en marcha no edificio Cersia unhas xornadas sobre violencia de xénero enmarcadas no III Plan de Igualdade e tralo éxito do I Congreso de Intervención e prevención da violencia de xénero que se celebrou o pasado mes de novembro.

As xornadas, subvencionadas pola Deputación da Coruña, comezan o xoves 10 de abril cunha ponencia sobre o marco normativo e a lexislación vixente en materia de violencia de xénero, na que participarán as fiscais de violencia de xénero de Santiago Fuencisla Ladrón de Cegama Escudero, Pilar Fernández Pérez e Aránzazu San José González. Será no edificio Cersia de San Lázaro co seguinte horario: 8.30 h a 11.30 h e 12.00 a 14.30 h.

Continuarán o día 24 cunha charla sobre os protocolos de actuación das forzas de seguridade do Estado, e o 29 de abril, cunha confrencia sobre o papel do home como suxeito da violencia de xénero a cargo do psicólogo Rubén Villar Trenco.

Xa en maio, os días 8, 15, 20 e 27 centraranse respectivamente na configuración das políticas de igualdade e visibilización da violencia de xénero; na violencia de xénero no ámbito xudicial galego; nas vítimas; e na violencia de xénero no eido da saúde.

As xornadas programadas para xuño (5, 12 e 19) tratarán os seguintes temas: novas formas de relación entre mozos e mozas no sistema educativo; Xunta de Galicia: Recursos básicos e novidades; xustiza e familia: garda e custodia.

Este programa proposto busca complementar o I Congreso de Intervención e prevención da violencia de xénero que se celebrou o pasado mes de novembro de 2013, propiciando un lugar de reflexión e motivación para profesionais que traballan neste ámbito. Están dirixidas a profesionais con ámbito de actuación no municipio de Santiago, na area de benestar social do concello, persoal da área sanitaria, xudicial e policial, etc.

Plan de Igualdade
O III Plan de Igualdade do Concello de Santiago ten entre as súas prioridades na esfera da cooperación institucional o seguinte obxectivo xeral: consolidar as canles de cooperación interinstitucional para alcanzar a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, establecendo e fomentando estruturas de coordinación interadministrativa.

Así mesmo, quere proporcionar un lugar de intercambio e reflexión sobre os diferentes enfoques de actuación ante a violencia de xénero para mellorar a formación entre os diferentes profesionais cara a unha eficaz prevención buscando os seguintes obxectivos específicos: sensibilizar e concienciar sobre a problemática da violencia de xénero na sociedade; coñecer que medidas se están a desenvolver na loita contra a violencia de xénero; informar sobre os recursos de apoio existentes contra esta; e proporcionar formación aos diversos axentes sociais que interveñen na atención ás mulleres e menores vítimas de violencia de xénero.

Documentos relacionados



Compartir: