COMERCIO

A artesá Ana Serra deseñará a figura conmemorativa dos Premios do Comercio

08/04/2014 Os Premios do Comercio establecen este ano seis candidaturas. Os gañadores de dúas delas, Comercio de Barrio e Comercio Agarimo, serán elixidos mediante votación popular. Poden presentar candidaturas comercios e asociacións comerciais e, no caso do Comercio de Barrio e Comercio Agarimo, pode facelo calquera persoa. O prazo de presentación remata o 26 de abril.

Os gañadores dos Premios de Comercio deste ano recibirán unha figura conmemorativa deseñada por Ana Serra García, de Medialúa, gañadora do concurso dirixido aos artesáns composteláns adheridos á marca Artesanía de Galicia, con motivo dos Premios do Comercio.

O Xurado que elexiu a figura gañadora reuniuse o 7 de abril e estivo formado por representantes do Concello, a Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño e das asociacións comerciais.

Este é o terceiro ano en que se convoca un concurso entre os artesáns da cidade para o deseño da figura conmemorativa dos Premios do Comercio que se entregarán o próximo 15 de maio no Pazo de Raxoi.

Os Premios do Comercio deste ano seguen a liña do ano pasado con algunha novedade. Introducíuse a nova categoría de premios "Comercio Autor" que será o gañador do concurso de escaparatismo convocada ao efecto. Cada día publícanse os resultados dos primeiros postos das categorias "Comercio de Barrio" e "Comercio Agarimo" durante o mes e medio en que o prazo para as votacións permañece aberto para incrementar así o dinamismo nas votacións e fomentar así a participación da cidadania e dos propios comercios que animan diariamente aos seus clientes para que os voten.

A participación e dinamismo e en consecuencia éxito de público deste programa de dinamización comercial "Santiago comercio de cine" exprésase en cifras. Os comercios inscritos en 2012 foron 28 fronte aos 48 inscritos no ano 2013 nas distintas categorias. En canto ás votacións, no ano 2012 houbo 267 votacións nas categorías "Comercio Agarimo" e "Comercio de Barrio" fronte as 976 no ano 2013.
A día de hoxe xa constan 30 comercios inscritos e máis de 400 votos emitidos. O prazo para a presentación de candidaturas e de votacións permañecerá aberto ata o día 26 de abril inclusive.

Pode presentar a súa candidatura ou realizar a súa votación na páxina web www.santiagocomerciodecine.com.

Compartir: