FESTAS

A VI Volta a Galicia de Automóbiles Antigos chega a Santiago encabezada por 40 vellos cacharros

28/07/2006 Os amantes dos vehículos antigos están de celebración esta fin de semana. A VI Volta de Automóbiles Antigos chega a Santiago o sábado 29 encabezada por 40 destes vehículos. Esta Volta trata de ser unha actividade lúdica e cultural coa que se pretende sensibilizar ao contorno sobre a importancia de conservar estes vehículos.

Na Volta participan preto de 100 persoas entre condutores, acompañantes e persoal de apoio á organización. A expedición chega procedente de Vigo cun percorrido que toca as catro provincias galegas. Santiago é a meta.

Ás 20:00 celebrarase o concurso de traxes de época e a exhibición dos automóbiles diante do xurado na Praza de Praterías, trala que se fará unha concentración na Praza do Obradoiro. Xa o domingo, ás 11:00 horas, concentraranse na Estación de Ferrocarril para facer un percorrido por diferentes rúas da cidade ata chegar ao Obradoiro. Ás 13:00 horas farán a tradicional Ofrenda ao Apóstolo e, durante o xantar, no Hostal dos Reis Católicos, entregaranse os trofeos aos gañadores.

Esta Volta a Galicia pretende difundir a paisaxe interior e da costa galega como ruta cultural e turística alternativa; potenciar a idea de que Galicia é un lugar con paisaxes de extraordinaria beleza; e achegar os automóbiles antigos, verdadeiras xoias históricas, ao público.

Os automóbiles participantes van dende o máis antigo, que é un Renault Frëres do ano 1901, pasando por uns Cadillac La Salle, Chrysler Imperial e Fiat Balilla, ata chegar ao máis moderno, que data do ano 1955, o Peugeot 203. Estes coches funcionan igual de ben que hai cen anos, grazas aos coidados dos seus propietarios, que senten verdadeira paixón polo coidado destes automóbiles.

Variada oferta musical

Trala exhibición dos automóbiles antigos, ás 22:00 horas, todos os que se acheguen ata a Alameda poderán bailar aos sons da música da Orquestra T.V. Na Praza da Quintana, ás 23:00, El Coro de la Herencia Negra ofrecerá o concerto "The Sound of Gospel", no que renden homenaxe ao conxunto da tradición do gospel, canción popular de América que entrou nas igrexas e salas de concertos, escolas e coros de todo o mundo transmitindo unha linguaxe propia e un complexo sentido do ritual e do decoro.

O domingo, 30 de xullo, a Banda Municipal de Música alegrará as rúas do casco histórico da cidade co seu repertorio, como é habitual nestes días. E xa de noite, ás 23:00 horas, unha nova cita para gozar da música que se ofrece no Toural.

Compartir: