RESTAURACIÓN

O Consorcio forma aos futuros restauradores da Capela Xeral de Ánimas

28/07/2006 O Consorcio de Santiago organiza un Obradoiro de Formación de Restauradores de Bens Culturais sobre estuco de xeso. O seu obxectivo é preparar técnicos especialistas coa fin de restaurar os retablos da Capela Xeral de Ánimas, en colaboración co Opificio delle Pietre Dure de Florencia, un dos máis prestixiosos Institutos mundiais en materia de restauración.

O xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, presentou este obradoiro, que xorde ante a peculiaridade do material constitutivo dos retablos da Capela Xeral de Ánimas, realizados en estuco de xeso, e os graves problemas de conservación que actualmente presentan. O curso desenvolverase do 21 de agosto ao 1 de setembro.

O obradoiro contará con varias sesións prácticas, a primeira das cales corresponderá a Leonardo Passeri, artista e restaurador italiano,director do "Studio Passeri" de Florencia (escola de técnicas artísticas antigas). Seguiranlle as clases de Ángeles Fernández Santiago, técnico conservadora e restauradora especialista en pintura mural e estucos, ademais de autora do proxecto de restauración para os retablos da Capela Xeral de Ánimas.

As sesións completaranse con nove ponencias sobre a restauración do estuco de xeso aplicadas ao caso concreto das Ánimas. O seu obxectivo é formar aos participantes dende o punto de vista do coñecemento da obra, das peculiaridades históricas, técnicas e conservadoras.

Compartir: