TURISMO

Turismo de Santiago amosa a cidade aos principais xornais irlandeses en colaboración con Aer Lingus

04/04/2014 Turismo de Santiago continúa reforzando a súa promoción en Irlanda, un dos mercados que máis creceu na cidade nos últimos anos.
Visitarán Santiago xornalistas de oito medios, entre os que se atopan os de maior difusiuón no país: o Sunday Independent e o Irish Independent.

Turismo de Santiago amosará a cidade a oito xornalistas irlandeses entre o cinco e o oito de abril nunha viaxe organizada pola empresa municipal de promoción turística en colaboración con Aer Lingus, a Oficina Española de Turismo en Dublín e a empresa irlandesa Camino Ways. Entre os medios participantes atópanse os dous xornais líderes do país en difusión: Sunday Independent e o Irish Independent.

Con esta viaxe, na que tamén colaboran o Hotel San Francisco e o Hotel Compostela, Turismo de Santiago reforza a aposta que ven desenvolvendo polo mercado irlandés nos últimos anos. Esta aposta concretouse en diferentes accións, como a participación por primeira vez en xaneiro de 2013 na Holiday World Show de Dublín, a principal feira turística irlandesa; a organización dun concurso dunha viaxe a Santiago nun dos programas de maior audiencia da televisión irlandesa en colaboración con Aer Lingus, a OET de Dublín e Paradores; ou a organización doutro viaxe de xornalistas coa colaboración da Asociación Hostelería Compostela.

O obxectivo desta acción é que continúe o crecemento experimentado polo mercado irlandés nos últimos anos, que o ten convertido nun dos principais mercados para a cidade. Entre o ano 2004 e o ano 2013, o número de peregrinos irlandeses creceu preto dun 800%, pasando de 563 hai dez anos a 5.012 o ano pasado, unha cifra que o situou como o sexto país con maior número de peregrinos, só por detrás de Alemaña, Italia, Portugal, EEUU e Francia.

Evolución do número de peregrinos irlandeses. Datos da Oficina de Acollida ao Peregrino

Ano Irlanda
2013 - 5.012
2012 - 3.844
2011 - 2.677
2010 - 2.296
2009 - 1.722
2008 - 1.535
2007 - 1.090
2006 - 849
2005 - 622
2004 -563

O crecemento do mercado irlandés tamén se amosa na evolución dos datos de pasaxeiros da conexión aérea entre Dublín e Santiago de Aer Lingus. O ano pasado ampliou por primeira vez a súa conexión a toda a temporada aérea de verán, de abril a outubro, pasando de tres a catro frecuencias nos meses centrais de verán. Esta ampliación permitiu que a ruta aumentase prácticamente nun 50% o número de pasaxeiros, pasando de 18.546 en 2012 a 27.805 en 2013.

Evolución do número de pasaxeiros na conexión Dublín - Santiago

2013 - 27.805

2012- 18.546

2011- 17.206

2010- 17.421

2009- 12.020

2008 16.820

2007 16.431

Os medios que participan na viaxe son: Sunday Independent, Ireland AM, Cara Magazine, Irish Examiner, Sunday Life, The Herald, Irish Independent, Irish Daily Mail. O obxectivo que persigue Turismo de Santiago é que os xornalistas podan amosar que Santiago é un destino próximo e asequible grazas a conexión directa con Aer Lingus, con multitude de atractivos para os seus lectores polas conexións culturais entre Irlanda e Galicia, ademais de polos propios atractivos de Santiago: cultura, patrimonio, gastronomía, natureza...

Compartir: