XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno adxudica obras no ámbito norte da cidade por máis de dous millóns de euros

03/04/2014 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria, adxudicou varias obras no ámbito de actuación do programa Urbana Norte por un importe de 2.156.732,4 euros. Tamén deu o visto bo á adxudicación do contrato mantemento e conservación dos espazos verdes da cidade.

O ámbito do programa Urbana Santiago Norte que comprende a Almáciga e Vista Alegre será o destinatario dun importante paquete de obras que foron adxudicadas na Xunta de Goberno ordinaria. Así adxudícanse as obras de mellora da mobilidades e accesibilidade do barrio de Vista Alegre, fase I (ámbito zonas I e II) á empresa Ponciano Nieto S.L. por un importe de 1.240.384,58 € IVA incluído e un prazo de execución de 10 meses. Segundo indicou a concelleira María Pardo, a terceira fase desta obra tamén se iniciará en breve e, xunto coa instalacións dos ascensores (entre instalados e a punto de instalarse xa son 11, de 32 comunidades de veciños), suporá unha importante mellora para o barrio.

No ámbito da Almáciga, adxudicáronse as obras de reurbanización da rúa Caramoniña-ámbito da rúa Travesa de Escultor Asorey e o segundo tramo de escultor Asorey (á empresa CYS HISPANIA S.L. por un importe de 130.028,16 e un prazo de 4 mese e medio); as obras incluídas no proxecto de corredor verde Bonaval-Almáciga (Fase II: Vía Verde) encadrado na área temática nº 4 Medio Ambiente Urbano e reducción e tratamento de residuos (á empresa OVIGA S.L. por 143.120,00 € e un prazo de execución é de 6 meses); as obras do proxecto de acceso ás zonas altas da Almáciga, ámbito das rúas Basquiños-Pastoriza (á empresa ALCOMTE GALICIA S.L. por un importe de 384.780,00 € e un prazo de execución é de 6 meses); e as obras de reurbanización da rúa Caramoniña (á empresa COPCISA S.A. por 258.419,66 e 5 meses).

A voceira indicou que todas estas obras, financiadas con fondos FEDER, se acometerán de forma conxunta para producir a menor molestia aos veciños, dándolle un importante lavado de cara a unha zona deteriorada. A adxudicación de todas estas obras fíxose ademais cunha baixa total con respecto ás licitacións iniciais de 600.000 euros, que serán reinvertidos en novas obras no barrio.

Máis obras
Non foron as únicas obras tratadas na Xunta de Goberno, tamén se aprobou o proxecto de mellora da seguridade viaria na rúa Cañoteira. Este consistirá na substitución da rede de abastecemento de auga potable existente formada por tubería de fibrocemento por unha máis moderna de politileno vista a precariedade da rede actual. Tamén se incorporarán máis pozos de rexistro para a recollida de pluviais así como a construción de andéns elevados, rebaixes nos andéns e, tamén, a construción de 3 pasos de peóns cun investimento de 192.534,69 €, IVE incluido.

Así mesmo deuse luz verde ao proxecto de reurbanización do Camiño da Raxeira, que permitirá o acceso de veciños restrinxido a residentes a través do calexón que une a Rúa Raxeira con Camiño da Raxeira. Tamén permitirá ampliar o ancho do vial de acceso a garaxes para o paso puntual de dous vehículos pero evitando a aparición de aparcamento de dobre fila de acordo ao demandado polos veciños. O orzamento de licitación desta obra é de 199.523,71 euros.

Parques e xardíns
A proposta da concelleira delegada de Desenvolvemento Urbano e Sostible, adxudicouse o servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e arbolado urbano da nosa cidade á empresa CESPA S.A. ao ser a oferta máis vantaxosa das presentadas. O orzamento deste adxudicación é o seguinte:
Ano 2014: 2.501.920,64 € IVE incluido.
Ano 2015: 3.411.709,96 € IVE incluido.
Ano 2016: 3.411.709,96 € IVE incluido.
Ano 2017: 3.411.709,96 € IVE incluido.
Ano 2018: 909.789,32 € IVE incluido.
A licitación deste contrato estaba establecida en 3.326.967,39 €/ano e presentáronse seis empresas.

Tamén nesta área, aprobouse o expediente para a explotación da cafetería ubicada no parque Eugenio Granell no Paxonal. O custo do edificio foi de 199.990,33 euros en no ano 2010.

Outros asuntos
Noutra orde de cousas, deuse conta á XGL, a proposta do concelleiro de Seguridade e Mobilidade, das modificacións nos prazos para a tramitación das solicitudes para estas actividades quedando como segue:
Datas para o primeiro trimeste (xaneiro, febreiro e marzo):
Finalización prazo presentación instancias: 3 de decembro ou día hábil seguinte.
Exposición lista admitidas e adxudicación provisional: 23 de decembro.
Exposición adxudicacións definitivas: 29 de decembro.
Datas para o segundo trimeste (abril, maio e xuño):
Finalización prazo presentación instancias: 3 de marzo ou día hábil seguinte.
Exposición lista admitidas e adxudicación provisional: 23 de marzo.
Exposición adxudicacións definitivas: 29 de marzo.
Datas para o terceiro trimeste (xullo, agosto e setembro):
Finalización prazo presentación instancias: 3 de xuño ou día hábil seguinte.
Exposición lista admitidas e adxudicación provisional: 23 de xuño.
Exposición adxudicacións definitivas: 29 de xuño.
Datas para o cuarto trimeste (outubro, novembro e decembro):
Finalización prazo presentación instancias: 3 de setembro ou día hábil seguinte.
Exposición lista admitidas e adxudicación provisional: 23 de setembro.
Exposición adxudicacións definitivas: 29 de setembro.
A listaxe definitiva non se publicará nos supostos en que non se modifique a adxudicación provisoria.

Por último, aprobouse a memoria do XIX Certame de Teatro Intercentros, a realización da exposición fotográfica do VI Certame "Músicaxove" e a composición do xurado do VII Premio internacional "Compostela para álbumes ilustrados".

Documentos relacionados



Compartir: