DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

A zona de San Pedro estreará nova cara coa finalización das obras na rúa e a apertura ao casco vello do parque de Belvís

03/04/2014 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira da Área de Desenvolvemento Urbanos Sostible, María Pardo, visitaron o barrio de San Pedro, onde se están a acometer importantes cambios para mellorar a zona. En breve, rematarán as obras de urbanización da rúa de San Pedro e para o verán comezarán os traballos de demolición da Casa da Xuventude, cumplindo así un acordo decidido por unanimidade do Pleno da Corporación.

Na sesión ordinaria de xuño do Pleno municipal aprobouse por unanimidade dos tres grupos municipais o cambio de uso do solo no que se sitúa a actual Casa da Mocidade. Deste xeito, a corporación apoiou a modificación de uso da reserva de equipamento sociocultural SC-13 do Plan especial de protección e rehabilitación da Cidade Histórica (PE-1), isto é, a Casa da Mocidade situada na praza do Matadoiro. Acométese agora a derruba deste inmoble, permitindo conectar de novo a Porta do Camiño con Belvís. Esta aposta municipal xa se materializara nunha proposición aprobada nun Pleno anterior en apoio a esta actuación.

Esta actuación terá un custo de 165.076,16 euros e espérase que para o verán estén en marcha tanto os traballos de demolición como a reurbanización da zona, co acceso ao parque e un mirador sobre o mesmo.

Visita á rúa de San Pedro
O alcalde e a concelleira aproveitaron para visitar as obras da rúa de San Pedro, a piques de rematar. Xa están acabados practicamente a rúa, o adoquín e as beirarrúas, polo que tan só quedaría por colocar o mobiliario. A rúa poderá abrirse á circulación unha vez que fragüe, para o que se necesita un mes aproximadamente.

A actuación complétase coa remodelación da praza 8 de marzo e a colocación duns bancos na entrada á rúa pola Porta do Camiño na que tamén se ubicará a cita de Goethe "Europa fíxose peregrinando a Compostela", que se poderá ler en seis idiomas, onde xa se atopa unha placa coa declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade.

En total investíronse case 500.000 euros para favorecer o paseo peonil na entrada do Camiño de Santiago e facilitar o tránsito dos vehículos co forxado do pavimento da calzada.

Compartir: