DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

María Pardo participa como ponente nunha conferencia sobre accesibilidade e turismo

03/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Sostible, María Pardo, salientou o esforzo realizado desde o Concello por conseguir un turismo máis accesible e para todos. Como exemplo sinalou o ascensor do Mercado de Abastos, segundo edificio mais visitado da cidade, ou a rampla e o ascensor do Museo das Peregrinacións. A charla, organizada coa colaboración do Grupo de Cidades Patrimonio, celebrouse no Cersia.

Non obstante, María Pardo, comezou o curso recoñecendo que a accesibilidade é unha materia na que aínda quedan cousas por facer, isto é particularmente certo en Santiago de Compostela, onde as características dunha Cidade Patrimonio da Humanidade engade novos retos á hora de perseguir a accesibilidade universal.

A edil de Desenvolvemento Sostible indiou que "dende o inicio do presente mandato, o goberno municipal puxo como centro da súa política a sostibilidade. Hoxe calquera licenza concedida no noso Casco Histórico garante que o establecemento en cuestión reúne requisitos de accesibilidade, tanto na entrada ao local coma no seu interior". Así mesmo, iniciouse un programa de micro actuacións moi localizadas, coa colaboración de COGAMI. Estas actuacións abranguen todo o espazo urbano, co obxectivo de facer a cidade máis accesible, cunha política de supresión de barreiras que comprende instalación de ramplas, varandas, ascensores, etc...

Tamén se aprobou unha normativa de ascensores para facilitar o acceso a edificios e vivendas que non dispoñían deste elemento con gran acollida cidadá e vaise revisar o Plan Especial do Casco Histórico para fomentar na mesma medida a accesibilidade dos edificios históricos. "Queremos unha cidade viva e moderna, compatibilizando a calidade de vida coa conservación mediante o uso da tecnoloxía. Pretendemos en definitiva, acomodar o entorno ás persoas e non á inversa", recalcou Pardo.

Pero a accesibilidade universal require un esforzo maior, "por iso estamos a abrir a xestión administrativa á participación cunha presenza cada vez maior nas redes sociais e un esforzo integrador en portais de todos os recursos da administración en internet. Estes portais ademais incorporan, ou están en vías de facelo, todos os adiantos en materia de accesibilidade da información, tanto no seu deseño coma nas súas funcionalidades, de modo que poidan ser consultados por persoas con minusvalidez. O obxectivo é ampliar esta cobertura aos dispositivos móbiles porque a accesibilidade está vinculada á mobilidade".

A concelleira indicou que tamén se están a estender estes criterios á sinalización dos espazos públicos, como pavillóns ou instalacións deportivas, onde recentemente se anunciou unha campaña de sinalización dirixida a persoas con autismo.

En definitiva, puntualizou, "queda moito por facer, pero debemos comprender que a accesibilidade universal beneficia a todos os habitantes e que cada un de nós posúe limitacións de distinta índole e por iso se require dar un salto cualitativo da accesibilidade que non é outra cousa que pasar dunha situación actual na que as persoas se han de acomodar ao ámbito, padecéndoo ás veces con enormes dificultades, a unha nova situación na cal sexa o ámbito que se dispoña en función das necesidades e requisitos das persoas. Trátase dunha percepción sensible, dirixida a conseguir unha cidade humana, pensada para todas as persoas".

Compartir: