FESTAS

Centos de persoas enchen de colorido as rúas compostelás ataviadas co traxe galego

28/07/2006 As rúas do casco histórico foron escenario da homenaxe que, cada ano, se lle rende ao traxe galego. Centos de persoas de tódalas idades responderon á convocatoria da Asociación do Traxe Galego e luciron as súas mellores galas nun día soleado e emotivo.

Os participantes concentráronse na Alameda ás 11:00 horas e dende alí dirixíronse á Catedral, onde asistiron á cerimonia relixiosa e realizaron a súa tradicional ofrenda ao Apóstolo. Ao remate, todos foron recibidos pola Corporación Municipal en Raxoi.

Para a tarde queda a celebración do Certame do Traxe en San Domingos de Bonaval. O desfile ten como destino a Praza da Quintana, tras baixar pola rúa de Bonaval e pasar por Cervantes, Preguntoiro, Calderería, Orfas, Rúa do Vilar, Praterías e Conga. Ás 20:00 horas está prevista a exhibición de traxes e a entrega de premios do certame. Este ano tamén se entrega a medalla de ouro a Xesús Precedo e o diploma ao concello de Laxe.

Na edición deste ano hai novidades, coma un premio dirixido a aquelas pezas antigas dos traxes que quedaron soltas. Poden ir acompañadas por prendas modernas pero que presenten consonancia unhas con outras. É unha forma de rescatar as pezas antigas dos traxes que están esquecidas nas casas. Ademais, a Asociación do Traxe Galego presta durante todo o ano e, especialmente nestas datas, os traxes que teñen.

Compartir: