ÁREA DE DESENVOLVEMENTO URBANO SOSTIBLE

Iníciase o proceso para a adxudicación do servizo da cafetería do parque Eugenio Granell

02/04/2014 A concelleira da Área de Desenvolvemento Urbanos Sostible, María Pardo, anunciou que a Xunta de Goberno dará este xoves o visto bo ao inicio da contratación do servizo de explotación da cafetería do Parque Eugenio Granell. Nun par de meses estará adxudicado e haberá un mes máis de prazo para que a concesionaria poida poñelo en funcionamento.

Segundo indicou a edil, as obras da cafetería do parque Eugenio Granell remataron antes das eleccións de 2011 pero non se podía poñer en marcha o servizo porque a caseta non contaba cos subministros básicos de auga, electricidade e saneamento nin acceso a minúsvalidos. En virtude dunha subvención da Deputación da Coruña, dentro do Plan DTC, por importe de 54.000, puídose acondicionar o edificio ao tempo que se repararon os danos causados polo tempo e a falta de uso.

Unha vez realizada a dotación dos subministros básicos, agora inícianse os trámites para a adxudicación da explotación da cafetería, que irán á sesión ordinaria da Xunta de Goberno desta semana. Será mediante procedemento negociado que estará colgado no perfil do contratante da páxina web municipal durante toda a semana vindeira para que todos os que estean interesados poidan presentar ofertas.

A concesión realizarase por un prazo de 8 anos con posibilidade de prórroga por outros dous. O concesionario deberá satisfacer un canon mínimo de 2.328,48 euros/ano así como realizar os arranxos interiores que sexan necesarios para poñer en marcha a explotación.

O horario do establecemento, que tamén poderá dispor de terraza, será de marzo a setembro, de luns a domingo, de 12 a 20.30 h e de outubro a febreiro, tamén toda a semana, de 12.30 a 18.30 h. No mes de xaneiro a cafetería permanecerá pechada.

Así mesmo, dentro da cafetería haberá un espazo para a instalación de cartelería, folletos e outro material informativo dos parques e xardíns da cidade. Tamén colaborará co Concello na celebración de actividades como o día da auga ou do medio ambiente así como en espectáculos de temática ambiental.

Como sinalou a concelleira, trátase dun servizo moi demandado polos usuarios do parque, que permitirá dispor dun lugar de lecer e de ocio dende o que disfrutar dun importante equipamento verde da cidade como é o parque Eugenio Granell.

Compartir: